A ETAP de Padrón incrementará a súa capacidade coa dixitalización dos seus sistemas

venres, 22 de marzo do 2024 S. P.

María Rivas, subdelegada do Goberno, e Anxo Rei, alcalde de Padrón, mantiveron este venres unha xuntanza de traballo, na que participaron outros membros da Corporación municipal e na que se analizaron os proxectos presentes e futuros do Goberno local en materia de sustentabilidade, infraestruturas e dixitalización, apoiados con fondos do Goberno. Na súa visita, Rivas destacou os 7,4 millóns de euros que o Goberno destina a través do Plan de Recuperación á mellora da Estación de Tratamento de Auga Potábel (ETAP) de Padrón que dá servizo a máis de 90.000 persoas da marxe norte da ría de Arousa. Esta actuación corre a cargo da empresa Espina & Delfín, que tamén estivo representada na visita polo seu director de Servizos de Augas, Juan José Somoza.
A subdelegada explicou que, con estas melloras, a estación de tratamento de Padrón verá aumentada a súa capacidade dos actuais 450 litros por segundo (l/s) que fornece na actualidade ata os 630 l/s, o que permitirá ofrecer maiores garantías de abastecemento de auga para consumo doméstico aos 10 concellos da marxe dereita da ría que están conectados ao sistema: os coruñeses de Boiro, Dodro, A Pobra, Rianxo, Ribeira, e o propio Padrón, aos que hai que sumar os pontevedreses de Catoira, Pontecesures, Valga e Vilagarcía de Arousa.
Tamén lembrou que Espina & Delfín, a firma que executa os traballos, foi adxudicataria do PERTE de dixitalización do ciclo da auga. En total, recibiu preto de 7 millóns de euros do Plan de Recuperación do Goberno para un proxecto de 12 millóns de euros que beneficia nove concellos galegos, tres deles na provincia da Coruña (Cerceda, Coirós e Negreira), e que pretende dixitalizar os sistemas de abastecemento para poder obter datos e análises a tempo real e así xestionar de forma eficiente a auga. “Grazas ao PERTE, Espina & Delfín poderá levar a cabo a dixitalización total en municipios que de outra forma non poderían acceder a esta tecnoloxía”, apuntou a subdelegada.
No transcurso da reunión, María Rivas e Anxo Rei tamén repasaron outros investimentos do Goberno no concello, como a mellora da eficiencia enerxética do alumeado municipal grazas ás axudas de 240.000 euros do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) do Ministerio de Transición Ecolóxica, ou a extensión da banda larga da man do Programa ÚNICO do Ministerio de Transformación Dixital, que permite levar Internet de alta velocidade a 794 fogares e empresas que non contaban con este servizo.

PUBLICIDADE