Altia pechou 2023 cunha cifra de negocio de 241 millóns, un 44% máis que no período anterior
martes, 9 de abril do 2024
- Constantino Fernández, presidente do Grupo Altia
A empresa tecnolóxica Altia, con sede en Oleiros, fixo balance dos fitos acadados en 2023: un reconto de cifras entre as cales destaca a relativa á cifra de negocio, que foi de 241 millóns de euros, un 44% máis que en 2022.
Segundo explicaron fontes da empresa TIC, con estes resultados “fomos quen de bater todos os rexistros obtidos desde a constitución do grupo, e son debidos ao crecemento xeral das nosas liñas de negocio e á consolidación das contas das compañías incorporadas en 2022”.
O EBITDA de Altia foi de 25,2 millóns de euros e o beneficio neto alcanzou os 15,4 millóns de euros, un 50,7% máis respecto ao obtido o ano anterior.
Respecto dos factores que motivaron estas cifras (as mellores da historia de Altia dende a constitución da firma hai tres décadas), Altia pon o foco no crecemento orgánico en todos os mercados, na consolidación completa das contas de Wairbut e Bilbomática (compañías incorporadas ao grupo en 2022) e no desenvolvemento de áreas estratéxicas como a ciberseguridade, analítica de datos e os servizos na nube.
Por outra banda, o beneficio neto ascendeu a 15,4 Mn€, un 50,7% maior que o do 2022 (10,2 Mn€), mentres que a marxe neta foi dun 6,4% fronte a un 6,1% do ano anterior. Desde unha perspectiva de balance, a compañía creceu un 6,6% respecto a 2022 (pasando de 143,6 Mn€ a 153,2 Mn€). “As principais magnitudes do balance corroboran a nosa boa saúde financeira, dispoñendo de recursos significativos, cun crecemento nos fondos propios do 19,7%”, sinálase no reconto.
En palabras de Constantino Fernández, presidente do grupo, “estes resultados resaltan o sólido crecemento da nosa cifra de negocio e posiciónannos con boa saúde no mercado TI xusto no ano no que estamos a celebrar o noso 30 Aniversario. Seguiremos avanzando con determinación e paixón nesta emocionante viaxe cara ao desenvolvemento persoal e profesional do noso equipo e cara ao crecemento dos nosos clientes, apostando sempre pola innovación e a sustentabilidade".
Ignacio Cabanas, director económico-financeiro de Altia, sinala que “as sinerxías derivadas dos procesos de integración dos últimos anos fortaleceron os nosos resultados de maneira xeneralizada, con crecemento nos ingresos e unha mellora na rendibilidade, o que demostra a efectividade da nosa estratexia e o compromiso de todo o equipo humano cos obxectivos do grupo”.