A Galiciencia 2016 exhibirá 75 enxeños smart

luns, 7 de novembro do 2016 Fernando Sarasqueta

A Galiciencia deste ano (edición 11) promete ser máis que nunca unha feira de coñecemento e innovación com vistas ao futuro. Co engadido extra de que esta innovación vén da man de quen, por forza e por lóxica, é de por si innovadora: a nosa rapazada. Segundo informa a organización da feira, a Tecnópole, nesta convocatoria en curso amosaranse até 75 proxectos procedentes de centros de Galicia, Asturias, Catalunya e Euskadi. Celebrarase entre o 16 e o 18 de novembro no devandito Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense). Entre os enxeños que poderemos ver atópanse moitos exemplos desas tecnoloxías que cando chegan desencadean por norma a seguinte pregunta: “Por que non se me ocorrería a min antes?”. Poderemos ver un pastilleiro smart para pacientes crónicos, unha aplicación móbil de alerta de avespa asiática, un espantallo 2.0 ou toalliñas húmidas ecolóxicas feitas com material téxtil desbotado.
O nexo común destes enxeños é a vontade dos seus creadores para achegar ao mundo algo de utilidade e con potencial para emendar problemas concretos.
Segundo informa a Tecnópole, este ano en curso recibiuse a “cifra récord” de máis de cen propostas candidatas. Delas seleccionáronse finalmente medio centenar de Secundaria e dúas ducias de Primaria. Os enxeños, como dixemos, serán expostos entre o mércores 16 e o venres 18 de novembro no recinto de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense). Polo que se refire aos premios, atinxirán unicamente aos proxectos de Secundaria, sendo disputados por equipos procedentes de toda Galicia, Catalunya, Euskadi e, por primeira vez, Asturias.
No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e o que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na que está considerada a meirande feira científica a nivel estatal, Exporecerca 2017.

PUBLICIDADE