A RAGC homenaxeará ao Frei Feijoo no Día do Científico Galego
martes, 12 de marzo do 2013
A
Real Academia Galega de Ciencias deu a coñecer este martes 12 de
marzo as actividades que vai desenvolver con motivo da homenaxe a
Frei Feijoo
no Día do Científico Galego. Serán actividades a desenvolver de
xeito tradicional (presencial) pero tamén haberá accións cunha
clara vertente dixital. Como lembraremos, o
pensador e ensaísta Benito Jerónimo Feijoo Montenegro, máis
coñecido como Pai
Feijoo (ou Frei Feijoo),
será o protagonista este ano da
devandita xornada logo de que a RAGC
aprobase por unanimidade a súa
elección polo “seu esforzo defensor
e impulsor da nova ciencia baseada na razón e na experiencia e polo seu espírito crítico á hora de
cuestionar dogmas e espallar as ideas científicas”. Foi,
en boa medida, un escéptico en relación coa ciencia dogmática que
defendía a Igrexa e en relación tamén ao papel secundario da
muller.
Aínda
que o acto académico conmemorativo celebrarase
o 23 de abril, data na que foi publicada en 1977 a constitución da
RAGC no Diario Oficial de Galicia, grazas á colaboración da
Fundación Barrié as actividades de difusión estenderanse ao longo
de todo o ano, con especial atención á comunidade escolar.
É
a sexta ocasión en que a RAGC celebra a devandita xornada. O seu
obxectivo é homenaxear as figuras máis
destacadas da Historia da Ciencia,
“difundindo a súa contribución
para que a opinión pública poida percibir, a través dos exemplos
máis destacados do pasado, o prestixio actual da investigación en
Galicia e a necesidade de investir recursos nela para que o seu
potencial sexa cada vez maior de cara ao futuro”.
En anteriores, como
recordaremos, conmemorouse as figuras do matemático Enrique Vidal
Abascal, do xeógrafo Isidro Parga Pondal, do enxeñeiro agrónomo
Cruz Gallástegui, do astrónomo Ramón María Aller Ulloa e do
químico Antonio Casares. O homenaxeado este ano será por primeira
vez un home de letras.
Ademais de
organizar actividades específicas
para achegar a figura de Feijoo á comunidade escolar e ao gran
público en varias localidades galegas, a Fundación Barrié
presentará diverso
material tecnolóxico para dar conta da súa contribución, entre o
que se inclúe unha
unidade didáctica dedicada a el e ao seu legado, que será
distribuída en todos os centros de ensino de Galicia. Esta
colaboración enmárcase en educaBarrié,
a canle en liña
de ensino da
Fundación Barrié.