A Radio Galega afondará no dominio .gal este sábado
venres, 16 de maio do 2014
- Edita de Lorenzo, vogal da Asociación PuntoGal, ante os micrófonos da Radio Galega
O programa
Banda Ancha da Radio Galega, galardoado hai poucos meses co Premio Especial
EGANET, contará este sábado coa presenza de Edita
de Lorenzo, directora da Escola
de Enxeñaría de Telecomunicación e vogal da Asociación PuntoGal, que aproveitará a celebración do Día das
Letras Galegas e do Día Internacional das Telecomunicacións e da Sociedade da
Información para dar conta dos anuncios realizados onte co gallo da posta en funcionamento
da primeira páxina web creada baixo o dominio .gal, á vez que tamén
realizará algún comentario sobre os estudos en Telecomunicación que se imparten
en Vigo.
Edita de Lorenzo comentará os prazos e requisitos para o rexistros de páxinas
web baixo o dominio .gal, que nos vindeiros meses vai supor toda unha
revolución para a sociedade galega na Internet, contribuíndo a potenciar a nosa
presenza na Rede, e instando non só á adopción do novo nome de dominio dende espazo
xa existentes, senón tamén á creación de novos contidos para aproveitar as
novas posibilidades que permite esta fiestra que dende a Internet se abre á
nosa sociedade.
O programa tamén contará con Juanillo
Esteban, coñecido entre outras cousas por dar voz ao Xabarín da TVG, quen compartirá
coa audiencia os seus primeiros contactos coa tecnoloxía e o uso que fai
actualmente da mesma. O espazo radiofónico completarase cunha breve entrevista
con Carlos Pérez, da compañía coruñesa Cleventy, para comentar o lanzamento da aplicación EcoLuz,
que permite consultar dun xeito áxil os prezos do subministro eléctrico a cada
hora, para así poder planificar as nosas tarefas domésticas de maior consumo
para minimizar os gasto neste concepto que cada día resulta máis gravoso para
as economías familiares.
- Edita de Lorenzo explicará na Radio Galega as condicións e prazos cos que poderá accederse ao rexistro dun dominio .gal