A aplicación en Galicia da robotización dos pagos en procesos xudiciais axilizará a tramitación

mércores, 27 de marzo do 2024 S. P.

A Xunta está a pilotar a aplicación de tecnoloxías de Automatización Robótica de Procesos (RPA), xestión de contas de consignación e depósitos xudiciais. Segundo o Goberno galego, o uso desta tecnoloxía “evitará ao persoal empregado público a revisión de ingresos e transferencias vinculados a un mínimo de 165.000 casos anuais, que poderán dedicarse a tarefas de maior valor, reducindo os tempos de tramitación”.
Ademais, a ferramenta permitirá obter o detalle dos movementos de ingresos e transferencias recibidas para cada xulgado, cruzar os datos entre o número de conta e o expediente xudicial correspondente no sistema de información Minerva e cargar o PDF deste movemento no expediente xudicial correspondente. “Este é un dos preto de 20 procedementos nos que se está a pilotar a aplicación da automatización, tanto na Administración xeral autonómica como no eido xudicial”, explicaron fontes da Xunta, engadindo que o obxectivo é “estender o uso da Intelixencia Artificial e a robótica aos trámites administrativos de xeito progresivo grazas á plataforma de automatización intelixente que comezou a desenvolver en 2022”. Esta plataforma, engade, “permite dar resposta áxil ás necesidades de tramitación de grandes volumes de expedientes que inclúen repeticións; reducir os tempos de tramitación e dar un mellor servizo á cidadanía, e incrementar a capacidade de tramitación das unidades administrativas, evitando que as persoas realicen tarefas que poden ser automatizadas”.
Tamén se facilita a revisión de grandes volumes de datos de maneira automática de xeito que liberan ao persoal empregado público de tarefas repetitivas e automáticas, e poden dedicarse a tarefas de maior valor.

PUBLICIDADE