A cuarta edición de #InLugo converterá a cidade da muralla en capital da cultura tecnolóxica

luns, 21 de novembro do 2016 Redacción

O deputado de Innovación, Pablo Rivera Capón

A nosa terra vai acoller a cuarta edición da que sen dúbida é, hoxe por hoxe, unha das xuntanzas máis referenciais de todo o ámbito estatal en materia de información dixital, novas formas de comunicación (blogs, comunidades, aplicacións) e recursos tecnolóxicos para mellorar o noso xeito de falar cos demais, a nosa calidade de vida e, tamén, o noso currículo. Falamos do #InLugo, o Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais. O evento, que foi presentado este luns 21 de novembro polo deputado de Innovación, Pablo Rivera Capón, celebrarase os días 16 e 17 de decembro no Pazo de San Marcos de Lugo (sede da Deputación). O obxectivo, segundo fixo saber Rivera Capón, é “fomentar o uso da Rede e das novas tecnoloxías entre todos os sectores da poboación e reflexionar sobre o papel das mesmas na sociedade actual”. Contará con preto de 20 profesionais referentes no eido TIC galego e estatal. Organiza a Deputación de Lugo.
Segundo salientou Pablo Rivera, trátase dun evento que por unha banda vai a máis e que pola outra foi quen de converterse en todo un acontecemento no ámbito da reflexión e o debate arredor da Sociedade do Coñecemento. De feito, engadiu, o congreso vén conseguindo en cada edición ser trending topic en Twitter, “o que supón unha gran proxección da provincia e do talento lucense”.
O evento, explicou, contará cunha ampla programación, con actividades como relatorios, debates e exposicións breves “nas que personalidades e reputados expertos avaliarán os cambios de hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está provocando Internet na sociedade dos nosos días dende puntos de vista como os novos medios, a mercadotecnia, a comunicación ou a fotografía”.
Como nas anteriores entregas, por #InLugo pasarán algúns dos máis renomeados especialistas TIC da actualidade. A idea é favorecer o escenario máis acaido posíbel para que o coñecemento, os recursos e as respostas destes relatores flúa cara a todos os asistentes. Pablo Rivera salientou, entre outros, a presenza de Phil González, responsábel de New Media AMC Networks para a península e América Latina e embaixador de marca de Sony Mobile, amais de creador da que se considera a maior comunidade de usuarios da coñecida rede social de fotografía, Instagramers.com, con presenza en centos de cidades do mundo e en continuo espellamento.
Asemade, no congreso intervirán Bárbara Yuste, xornalista e profesora na Universidade Carlos III e Camilo José Cela de Madrid e directora de bez.es; Javier Pedreira, autor do blog Microsiervos e especialista en cultura dixital; Juan García, director de Escuela Bitácoras; Daniel Basteiro, xornalista e cofundador de El Español; Sebas Mouret, estudante e youtuber de éxito ou Miguel Ángel Lureña, doutor, licenciado en Ciencias da Tecnoloxía dos Alimentos e creador do afamado blog divulgativo gominolasdepetroleo.com, entre outros.
Segundo fixo saber o deputado de Innovación, o evento irá aos poucos complementando o programa de actividades e achegando novidades sobre o mesmo. Máis polio miúdo, dixo, “o cadro de relatores irase ampliando até completar unha listaxe de preto de vinte nomes, cuxo perfil e traxectoria irase debullando nos vindeiros días na páxina web oficial, inlugo.com, e as redes sociais do evento, Facebook (facebook.com/CongresoInLugo) e Twitter (twitter.com/in_lugo)”.
Sobre a pegada galega do acontecemento, a Deputación salienta que terá “un marcado acento lucense”. De feito, entre os intres clave do programa atópanse as presentacións de diversos servizos e proxectos TIC que se están a desenvolver na provincia. Así, a mañá do sábado estará reservada ao espazo Lugo na Rede onde se contará, entre outros, coa presenza de Simón Cabarcos, director de Blindaxe Sport e até un total de catro iniciativas que teñen as redes sociais e Internet como “principais impulsores”.
Os premios
Amais de todo o devandito o congreso dará acollida a unha nova edición dos Premios InLugo, uns recoñecementos que teñen o obxectivo de “salientar o labor das empresas e proxectos lucenses no ámbito dixital”. Os galardóns veñen este ano con tres modalidades: Comercio, Lecer e Restauración; Deportes, Cultura e Acción Social; e Tecnoloxía. A partir do 22 de novembro ás 10:00 horas poderanse presentar as diferentes candidaturas a través do formulario habilitado en inlugo.com, un prazo que se prolongará até o luns 12 de decembro ás 20:00. Segundo fai saber a Deputación, logo de rematar o prazo, un xurado formado por membros da entidade provincial será o encargado de valorar as candidaturas e elixir os finalistas, que se darán a coñecer o 14 de decembro ás 11 horas. A cerimonia de entrega será a partir das 20 horas no marco do IV Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #InLugo16.
Respecto da metodoloxía a seguir para inscribirnos no congreso, será unha vez máis de balde e moi sinxela. O prazo para facelo arrincará o día 23 de novembro ás 10:00 horas. Todos os interesados poderán conseguir a súa entrada en www.inlugo.com ou www.deputacionlugo.gal. O aforo está limitado a 200 persoas, “polo que as entradas formalizaranse por rigorosa orde de inscrición”. O desenvolvemento destas xornadas tamén poderá ser seguido, ao igual que nas anteriores edicións, a través das redes sociais coa etiqueta #inlugo16 e en directo, vía streaming, grazas ao traballo dos alumnos da Fundación TIC.

PUBLICIDADE