A galega Balidea resulta elixida para achegar soporte informático a órganos xudiciais de toda España

martes, 30 de xullo do 2013 Redacción

Balidea vén de anunciar que foi elixida para encargarse de dar soporte informático aos órganos xudiciais de toda España. Como lembraremos, estamos ante unha empresa do sector das tecnoloxías da información que achega servizos de consultoría, desenvolvemento e integración de software, formación especializada e externalización tecnolóxica e de servizos TIC dende 2002. Esta consultora galega adícase a adaptar os produtos existentes ou con software específico desenvolvido a partir da análise das necesidades particulares do seu cliente.
As áreas de servizo que abrangue Balidea van dende as Solucións B2B (Business to Business), B2C (Business to Customer), B2E (Business to Employee), G2B (Government to Business), G2C (Government to citizen), G2E (Government to Employee), até a E-administración pasando pola comunicación web, a mobilidade, as ferramentas ou aplicacións de xestión, a atención a usuarios e mesmo formación.
Mediante a devandita aposta para fornecer alicerce informático aos órganos xudiciais estatais, a empresa situará técnicos especializados por todo o territorio español, ofrecendo un servizo integral -de luns a domingo as 24 horas do día- a través dun Servizo de Atención Continuada, tanto en Sedes Xudiciais como en Rexistros Civís. Un aspecto a salientar é que grazas a este proxecto conseguiranse crear máis de 40 postos de traballo, postos que se suman aos 120 creados nos últimos tres anos por esta consultora especializada en adaptar a tecnoloxía ao negocio que requira os seus servizos.
Balidea atópase espallada pola xeografía española con sedes en Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Bizkaia e tamén fóra das nosas fronteiras, en Dinamarca.

PUBLICIDADE