A galega Denodo pecha un ano de éxitos dende Silicon Valley

luns, 28 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

Ángel Viña, presidente de Denodo, nun acto recente co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo

Silicon Valley, mentres o eixe da produción dixital-tecnolóxica non confirme a súa variación cara a Oriente, segue a ser un punto de indubidable interese para as empresas do sector TIC: en certa maneira, constitúe a antesala do pulo definitivo ao internacional. Dáse a casualidade ademais de que unha boa parte da industria galega tamén ten este espazo de acción no seu punto de mira, tal e como vimos recentemente co caso de Ipoki (dando a coñecer entre outras cousas a súa aplicación para Facebook) ou no de Blusens (quen andou relativamente preto de California, máis polo miúdo en Las Vegas, informando da súa tecnoloxía). Con todo, unha das firmas galegas que máis afianzadas ten alí a súas raizames é Denodo, que conta dende hai uns anos sede propia en Palo Alto (California) e que, segundo sinala hoxe El Correo Gallego, está a tirar partido da súa presenza naquelas terras para converterse en referencia mundial no eido do deseño de software de infraestrutura.
A empresa galega, presidida polo enxeñeiro Ángel Viña, centra unha boa parte da súa actividade no desenvolvemento e progresiva mellora de plataformas informáticas para a xestión e o control de datos a nivel empresarial.
Segundo conta o devandito xornal galego, a compañía foi novidade este ano que remata por un bo número de cuestións, entre as que podemos citar as seguintes: por ter obtido o premio Tecnoloxía do Ano para os seus programas de mans dos responsables da revista norteamericana InfoWorld (centrada como o seu propio nome indica nos logros dixitais ao servizo do coñecemento), por ter aberto recentemente un centro de operacións en Londres (outro dos grandes eixes da actividade innovadora mundial) e por ter recibido o devandito Ángel Viña o título de Enxeñeiro do Ano que cada ano entrega o COETG para salientar os diferentes esforzos a prol da promoción tecnolóxica na nosa terra.
Logo destes logros, Denodo está a facer reconto do camiño percorrido, un camiño que comezou hai anos coa posta en marcha dun proxecto innovador (o de competir cos grandes do desenvolvemento de software con tecnoloxía propia abondo competitiva) e coa constatación dunha necesidade propia de calquera empresa e, especialmente, dunha empresa TIC: a necesidade de romper fronteiras. De aí a apertura da sede en California, entre outros centros de operacións. Entre os seus clientes, informa El Correo, cóntanse a Xunta de Galicia, Vodafone, Telefónica ou o BBVA, e a nivel internacional xigantes bancarios como JP Morgan.

PUBLICIDADE