O COETG revela os premiados da XIV Noite Galega das Telecomunicacións

venres, 13 de novembro do 2009 Raquel Noya

Ángel Viña (Denodo Technologies) elixido Enxeñeiro do Ano

Os encargados de organizar a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información deste ano, que celebra xa a súa XIV edición da man, unha vez máis, do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, escolleron de novo a Illa da Toxa para citar ás personalidades máis destacadas do sector das Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación para dar conta, entre todos, do que está a dar de sí a Televisión Dixital Terrestre no noso país, e da súa repercusión económica e social.
Esta gala, que tamén ten como obxectivo fomentar as ligazóns entre os profesionais deste eido e asentarse como marco para recoñecer o traballo daquelas persoas que máis teñan salientado dentro da promoción tecnolóxica dende ámbitos diversos de actividade, vai premiar como Enxeñeiro do Ano ao presidente de Denodo Technologies, Ángel Viña Castiñeiras, polo seu labor profesional como enxeñeiro de telecomunicación ao longo dos últimos anos, así como polo seu decisivo labor na implantación da Demarcación Territorial do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación en Galicia (COETG), a súa dedicación como primeiro decano do COETG e a súa traxectoria profesional como catedrático na Universidade da Coruña e como empresario do sector TIC galego con proxección internacional.

Rafael Valcarce será recoñecido coma Socio de Honra da AETG

Pola súa parte, Rafael Valcarce Baiget, presidente de AETIC-Galicia e director de Arteixo Telecom, convértese nesta edición da Noite en Socio de Honra da AETG, distinción do COETG e a AETG para premiar as personalidades destacadas no apoio e na promoción das telecomunicacións.
As Xuntas Directivas de ambas entidades valoraron como razóns determinantes deste recoñecemento “o seu liderado en canto ao compromiso que mantén co desenvolvemento industrial das ETIC en Galicia, a súa aposta por un sector galego ETIC forte e unido, así como pola súa ampla traxectoria profesional e o seu labor e esforzo ao fronte da empresa Arteixo Telecom”.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais correspóndelle nesta ocasión ao Sistema de navegación por Internet coa Voz, deseñado e programado por
José Antonio Vidal Sampedro, que entre as múltiples vantaxes que presenta, figuran a de non precisar de ningunha instalación previa no ordenador do usuario, máis alá dun micrófono, e que tamén funciona en teléfonos móbiles. Esta ferramenta está pensada especialmente para invidentes ou persoas con mobilidade reducida ao facilitarlles o manexo e acceso ás novas tecnoloxías. A aplicación conta ademais coa cualidade de ser bidireccional, de xeito que o usuario tamén pode escoitar respostas ás accións que leva a cabo mediante a súa voz.
Ademais dos devanditos recoñecementos, o COETG-AETG fará entrega do Premio á Mellor Aplicación TIC á empresa Sound of Numbers polo seu proxecto Son Architect, e do Premio Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial TIC á empresa Desarrollo Digital Galicia, S.L.polo proxecto www.mariscodigital.com e www.videopedido.com, unha iniciativa valorada pola aplicación das novas tecnoloxías a sectores tradicionais da nosa economía e polo seu carácter emprendedor e innovador.
Asemade, nesta edición tamén se fará entrega dun novo galardón, o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC ao enxeñeiro de telecomunicación Daniel González Jiménez pola súa tese Improvements in Pose Invariance and Local Description for Gabor-based 2D Face Recognition, distinción que recoñece aqueles proxectos de investigación emerxentes no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación.
No tocante ao Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC o xurado valorou como razón determinante desta distinción a calidade técnica do traballo relacionado coa implantación dos sistemas de recoñecemento facial biométrico en contornos realistas, as súas aplicacións prácticas e o uso da tecnoloxía na industria e da transferencia de coñecemento ao sector das TIC.
Ademais da entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións, A Noite Galega da Telecomunicacións e da Sociedade da Información, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e presidida polo xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, versará sobre a Axencia Estatal de Radiocomunicacións a través da proxección dun audiovisual que exporá a candidatura e os méritos de Galicia para converterse na sede da tamén chamada Axencia do Espectro.
Unha vella demanda do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia que busca sumar os apoios da Administración, do tecido empresarial e da sociedade galega.

PUBLICIDADE