A ourensá Eva Dafonte, Premio Ada Byron 2015

xoves, 23 de abril do 2015 Redacción

Coincidindo co Día Internacional das Rapazas e as TIC, o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, deu a coñecer o nome da premiada co galardón Ada Byron, que na presente edición recaeu en Eva Dafonte Pérez (Ourense, 1979). O máximo representante das enxeñeiras e enxeñeiros informáticos galegos fixo pública a decisión (precisamente) no evento organizado polo CESGA con motivo do Día Internacional das Rapazas e as TIC.
Eva Dafonte, enxeñeira superior en Informática, traballa na actualidade na Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra. É a subdirectora do grupo de Servizos de Bases de Datos e a responsábel das bases de datos de toda a organización, desde os sistemas de control de aceleradores, as aplicacións de enxeñaría e administración e os experimentos do LHC. Ase,ade, a premiada é a coordinadora do centro de competencia de bases de datos do programa CERN-Openlab.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia quere, mediante a concesión do Premio Ada Byron, visualizar participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación, investigadoras e líderes dun sector punteiro.
En opinión do colexio, as mulleres teñen que ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento, posto que “só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias”.
Lembrar que Ada Byron foi unha escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora da historia. Deduciu e preveu a capacidade dos computadores para ir alén dos simples cálculos numéricos.

PUBLICIDADE