A versión 3.14 do escritorio Gnome, por enteiro en galego

xoves, 23 de outubro do 2014 Redacción

Xa temos o noso dispor, e en galego, a versión 3.14 do escritorio libre Gnome. Así o informou o equipo galego de tradución da plataforma a finais do mes pasado e así nolo lembraron esta semana dende Mancomún. A adaptación á nosa lingua da nova achega da ferramenta, unha adaptación ao cen por cen (37.222 cadeas e 172.185 termos para o corpo da interface e 6.598 cadeas e 72.693 palabras para a documentación), vainos permitir ter ao noso alcance unha serie de novidades importantes con respecto á anterior versión. En termos numéricos, falamos de 28.859 cambios feitos por cando menos 871 persoas.
Porén, tamén é certo que estamos ante unha consecuencia natural de traballos previos: traballos destinados en boa medida a homoxeneizar a interface de usuario e todas as aplicacións de seu. Dende o equipo de tradución de Gnome salientan novidades como os acenos multitáctiles (podemos usar un xesto en pantallas táctiles para a navegación no sistema e uso de aplicacións), a xestión de portais cautivos (Gnome 3.14 foi obxecto dunha optimización na xestión de puntos de acceso Wi-Fi, o que entre outras cousas implica que o sistema amosaranos de xeito automático a páxina de inicio dun portal Wi-Fi como elemento clave do proceso de conexión, o que garante que saibamos cando estamos conectados e axudaranos a configurar os portais do xeito máis rápido) ou as contas en liña para Fotos (agora na sección de Fotos podemos acceder a novas orixes de imaxes en liña, tras terse engadido a compatibilidade con Google e servidores multimedia, isto posibilitará ver de xeito doado fotos de Google que foran subidas mediante Picasa, Google Plus ou dispositivos Android).
Podemos ver unha listaxe máis detallada das novidades nas notas de publicación (tamén en galego). A nivel de tradución, tamén houbo novidades. Por exemplo, traducíronse as novas aplicacións presentadas coa nova publicación, “todas cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno”, e tamén avanzouse moito na adaptación á nosa lingua da documentación base do proxecto, formada por máis de 65.000 palabras para traducir, e mellorando a anterior.

PUBLICIDADE