ADN.es nace coma un medio aberto e participativo
mércores, 18 de xullo do 2007
O xornalista e blogueiro Juan Varela anunciou o
pasado luns que o redeseño da web do xornal gratuíto ADN estaba xa en fase de
probas, e o actual dominio, diarioadn.com
sería substituído por ADN.es, o que viría
acompañado de distintos cambios que buscarían a interacción cos lectores.
A principal revolución da nova publicación en
liña está en que se pode acceder á mesma dende 3 interfaces diferenciadas:
- ADN.es, o xornal dixital completo, coas novas e os elementos multimedia propios do medio
- ADN.tv, unha sección audiovisual centrada nos contidos en vídeo, para resultar máis atractivo para os usuarios que prefiren este tipo de información
- VuestroADN.es, a cara máis social do medio, na que son os usuarios os que ordenan a información segundo os seus criterios
Os usuarios rexistrados poderán acceder a todo o anterior dende a súa páxina
persoal, podendo tamén comentar, valorar, enviar e gardar novas, así como
subscribirse ás informacións mediante etiquetas (de xeito que se pode acceder
directamente ós temas de interese).
A
nova web pretenderá mellorar as súas prestacións sociais incluíndo grupos de
amigos, comunidades virtuais nas que intercambiar información, contidos
propios e intereses informativos.
Tamén resulta subliñable que os contidos da publicación teñen unha licenza
flexible Creative Commons, para amosarse como un medio aberto ós usuarios.