ICANN delega o dominio .gal

sábado, 12 de abril do 2014 Marcus Fernández

Parte do membros da Xunta Directiva da Asociación PuntoGal nunha das súas xuntanzas recentes

Tras máis de sete anos de traballo, a pasada noite entrou en funcionamento o dominio de primeiro nivel para a lingua e cultura galegas, o .gal, do que o primeiro nome de dominio activado pola ICANN é o nic.gal (que remite á páxina web oficial da Asociación PuntoGal, promotora esta iniciativa ante o organismo regulador dos nomes de dominio na Internet). A activación do dominio nic.gal é de carácter técnico e para probas, e supón a delegación formal do nome de dominio de primeiro nivel e a culminación dun longo proceso apoiado por toda a sociedade galega.
A Asociación PuntoGal asinou o pasado 7 de novembro o contrato con ICANN para poder tomar o control do dominio .gal, quedando pendente a delegación do dominio que vén de producirse, polo que o seguinte paso que tomará este proceso de nacemento do novo dominio será a publicación das normas para o rexistro de nomes de dominio baixo o sufixo .gal, nas que traballou unha comisión multidisciplinar por encargo da Asociación e que terá carácter público e rexeranse por criterios de transparencia e equidade. A Asociación tamén organizará en breve un acto arredor do lanzamento do dominio.
O rexistro no dominio galego na Internet comezará cun período de lanzamento repartido nas fases de Abrente (sunrise) e Carreira (landrush), para despois abrirse o rexistro ao público xeral. No período de Abrente as administracións públicas e asimilados terán prioridade para rexistrar os seus dominios co sufixo .gal, seguidas polas entidades que teñan unha traxectoria probada de promoción da lingua ou da cultura galegas; as marcas rexistradas no Trademark Clearing House de ICANN e outras marcas rexistras, nomes ou intereses protexidos; e páxinas realizadas ou con versión en lingua galega. Mentres, o período de Carreira facilitará o acceso ao rexistro .gal a rexistrantes sen dereitos ou intereses protexidos.
Esta fase de lanzamento estará precedida dun período coñecido como Programa Pioneiros co que a Asociación PuntoGal busca a promoción do novo dominio de primeiro nivel facilitando a posta en funcionamento dunha serie limitada de dominios de Internet para entidades de certa relevancia lingüística, cultural e social.
Dende a Asociación PuntoGal aproveitan este fito histórico para agradecer a toda a sociedade galega (incluíndo a comunidade no exterior, as principais entidades culturais, as empresas e as asociacións de base) o apoio recibido, así como a contribución da Administración autonómica a través da AMTEGA.
Durante as últimas horas a ICANN delegou un total de 15 novos dominios de Internet, entre os que tamén figura o .eus, dominio para a cultura vasca e o éuscaro, polo que estamos ante unha xornada dobremente histórica para a diversidade cultural e lingüística de España.

PUBLICIDADE