Ábrense novos vieiros para o espallamento das nosas firmas coa segunda Misión Comercial Inversa

martes, 9 de xuño do 2015 Redacción

O presidente do Clúster TIC Galicia durante a apertura da primeira misión

O Clúster TIC Galicia segue adiante coa súa estratexia de tender pontes bidireccionais co estranxeiro: pontes cara a América ou cara a Europa que lles sirvan ás nosas empresas para levar lonxe o seu coñecemento e experiencia. A isto responde a Misión Comercial Inversa, que está a piques de iniciar a súa segunda andaina: entre este mércores 10 de xuño e o día 14 do mesmo mes. O cometido da iniciativa: envorcar obxectivos e esforzos na procura de máis negocio para o noso sector tecnolóxico-dixital en países latinoamericanos.
Ás súas costas, esta nova misión ten tras de si unha primeira experiencia de traballo (en novembro) saldada con notábel éxito: nela participaron entidades de até sete países latinoamericanos. Logo desta sesión de apertura, o presidente do Clúster, Antonio Rodríguez do Curral viaxou a Colombia dentro da visita institucional programada pola Xunta e, froito das xuntanzas derivadas da súa estadía alén do Atlántico, foi quen de comprobar importantes nichos de actividade potencial para as empresas socias do Clúster. Desta comprobación xorde, precisamente, esta segunda misión, orientada no específico a facilitar as relacións comerciais entre as firmas galegas e colombianas. A isto cómpre engadir, na segunda Misión Inversa, a participación de compañías ecuatorianas e portuguesas.
Trátase, en palabras do Clúster, “dunha nova oportunidade para abrirnos a novos mercados buscando a fórmula internacionalizadora que mellor ase afaga aos nosos perfís”. Ou sexa as formulas do socio local, do partner ou do establecemento de sede propia, entre outras. Desta volta, ademais de potenciais clientes empresariais identificados por membros do Clúster TIC, convidáronse entidades intermedias como Ruta N Medellín-Medellinnovation, Cluster TIC de Medellín, a Federación Colombiana de Industrias do Software e Tecnoloxías da Información e ao Pólo das Tecnologias de Informação, Comunicação e Electrónica - TICE.PT. Estas entidades, sinala a organización do evento, comparten co Clúster TIC de Galicia liñas estratéxicas entre as que cómpre salientar as tecnoloxías de Internet das Cousas, as TIC para a eficiencia enerxética e as innovacións no ámbito da sanidade.
Ao longo da estadía na nosa terra, o Clúster realizará presentacións e visitas a empresas e institucións galegas para que os participantes “teñan unha visión ampla e actualizada da economía galega, dos proxectos de I+D que se están a executar neste intre e das capacidades e potencialidades do sector da tecnoloxía da información”.
Participan pola nosa terra na Misión Inversa o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), o Centro de investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación da Universidade de Vigo (AtlantTIC), o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC), o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela (CiTiUS), o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde da Xunta de Galicia (SERGAS), Coruña Smart City e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

PUBLICIDADE