Alejandro Suárez advirte no seu novo libro do medre do ciberterrorismo gobernamental
mércores, 28 de outubro do 2015
Puidémolo saber os
días pasados na Xornada de Informática Xudicial que organizou o
CPETIG en Santiago: hoxe en día unha das principais
preocupacións dos axentes que combaten o ciberterrorismo e o
cibercrime é o crecente protagonismo nestas prácticas de organismos
estatais e gobernamentais. A situación, díxose, agrávase cando boa
parte dos responsábeis das accións criminais en liña fican no máis
estrito anonimato. Estes datos veñen de adquirir estes días unha
nova dimensión co lanzamento do libro El
Quinto Elemento (Deusto) de Alejandro Suárez Sánchez Ocaña.
Nel guíndanse unha serie de claves a ter en conta sobre até que
punto os servizos secretos e policiais de ducias de países poderían
ter a capacidade para levar a cabo prácticas propias do
ciberterrorismo. Por exemplo, sinala o autor, poderían chegado o
caso introducir en calquera computador ou dispositivo conectado a
Internet material pedófilo ou de contido terrorista.
No libro dánse casos
concretos que apuntan ao devandito. Así, fálase directamente das
filtracións dos documentos da empresa de seguridade Hacking Team e
de como estas filtracións demostraron que o Centro Nacional de
Intelixencia chegou a adquirir e a utilizar o software desta empresa
italiana para introducir virus troianos en computadores para
controlalos de forma remota. Segundo apunta o autor de El Quinto
Elemento, o programa en cuestión (Galileo RCS) permite “facer
de todo” para roubar datos ou realizar seguimentos a distancia, e
mesmo introducir arquivos que podían ir desde vídeos de contido
pedófilo a contidos destinados a incriminar aos usuarios dos
computadores intervidos.
Alejandro Suárez, autor
tamén doutro libro moi adicado á Internet e ás prácticas de
espionaxe e control que introducen determinadas corporacións,
Espindo a Google, desvela na súa nova obra que arestora hai
importantes baleiros de normativa e regulamento que poden ser
aproveitados non só por internautas e corporacións de tipo privado
senón tamén por determinadas entidades de raizame gobernamental. “A
día de hoxe”, di, “as probas obtidas a partir da infección dun
computador non serían de índole legal”. E engade: “Internet é
na actualidade o campo de batalla máis grande que coñeceu o home e
as súas consecuencias son aínda impredecíbeis e incalculábeis”.
Segundo fai saber no seu novo libro, “quen domine a Rede que nos
interconecta controlará o mundo”. Isto, di, sábeno unha chea de
entidades, dende gobernos e exércitos a axencias de intelixencia,
pasando por terroristas e hackers en xeral, “todos eles son
conscientes diso e están a actuar no ciberespazo sen que a inmensa
maioría das persoas saiba nada”.