Bueu volve xuntar o mellor do Social Media de Galicia
luns, 3 de xuño do 2013
- Francisco Gaña, director de MexilOnseTuits, inaugurou o encontro no Centro Social do Mar de Bueu
O pasado domingo o Centro Social do Mar de Bueu serviu de
escenario para a celebración da segunda edición do Festival Social Media de
Galicia, MexilOnseTuits, encontro ao que acudiron máis de 150 integrantes
galegos do mundo das redes sociais e o marketing
en liña para compartir unha experiencia conxunta e asistir ao acto de entrega
dos Premios MexilOnseTuits. Este evento da axenda tecnolóxica de Galicia é
posible en boa medida grazas á colaboración do Concello de Bueu e da Federación
de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO), que estiveron
representados polo rexedor local, Félix Juncal, e o presidente de FECIMO, Xosé
Bangueses, durante a inauguración deste festival dirixido por Francisco Graña.
Tras a apertura forma do encontro, Adrián Rodríguez, un dos responsables do blog Mola Viajar, explicou a súa
experiencia na Rede que o levou a dar a volta ao mundo narrando a viaxe a
través da Internet, e que tamén o levou a gañar na pasada edición de
MexilOnseTuits o premio ao mellor blog turístico. Rodríguez centrou a súa
intervención nas posibilidades da web para dar abrir portas e dar pé a
oportunidades, que no seu caso están enfocadas principalmente ao seu lecer,
pero que tamén ten repercusións na súa face profesional, dándolle ás persoas
que publican na Rede unha maior visibilidade de cara á súa futura repercusión e
para consolidar a súa marca persoal.
A esta intervención práctica seguiulle un relatorio do profesor universitario
de Ciencias Sociais e da Comunicación, e tamén blogueiro, Daniel Martí, que
quixo expor o traslado que están a ter os mecanismos da comunicación ás redes
sociais, dando conta de distintos fenómenos dos que estamos a ser testemuñas e
actores nos últimos tempos.
Premios MexilOnseTuits 2013
- Rubén Bastón recibiu o premio a Elogia
Unha vez rematadas as charlas que pretendían enmarcar o evento, subiu ao
escenario Tomás Alonso, xornalista da TVG coñecido polo público principalmente
pola súa participación no programa Larpeiros,
que fixo de condutor da gala de entrega dos Premios MexilOnseTuits, que buscan
recoñecer tanto os mellores traballos de marketing
en social media como aos blogs máis destacables. O primeiro trofeo en atopar
dono foi o de Mellor Axencia 2012, que foi parar a Elogia, recolléndoo Rubén Bastón, director de
Social Media, SEO e CMO da compañía, que amosouse especialmente honrado por
poder recibir o premio xa que é natural de Bueu, de xeito que o seu gozo era
dobre.
- Turismo de Ourense fíxose co premio á mellor campaña en medios sociais
O recoñecemento á mellor campaña en medios sociais foi para a Sabores
de Ourense, recollendo o trofeo Emilio Cuíñas, técnico da Concellería de
Turismo de Ourense, que entendeu o galardón como o recoñecemento ao traballo
que desenvolveron nos últimos 3 anos convertendo a súa campaña en toda unha
marca recoñecible, con resultados a medio prazo “en tres ámbitos distintos: a transcendencia no sector hostaleiro da
cidade, a repercusión nos medios de comunicación off line locais e galegos e a
xestión da marca Ourense cun obxectivo de notoriedade online e nas redes
sociais”.
- Tomás Alonso comunicou por teléfono a Dani Cornes que o seu vídeo resultara galardoado como mellor vídeo viral no MexilOnseTuits
Máis curiosa e orixinal foi a categoría de Mellor Vídeo Viral, da que resultou
vencedor o vídeo musical
paródico Rías Baixas Style, que
provocou risas entre boa parte dos presentes e que, nun primeiro momento
destacaba por non contar coa presenza do seu autor, Dani Cornes, o que levou ao
presentador da gala a chamalo por teléfono en directo para comunicarlle a súa
vitoria. Cornes sorprendido por gañar, sorprendeu minutos despois facendo acto
de presenza en Bueu para agradecer o recoñecemento aos alí presentes.
Vídeo musical de Rías Baixas Style
Os mellores blogs do ano
- Vigo Low Cost é o mellor blog Informativo/Cultural da presente edición
Os cadernos de Internet recibían logo os seus premios en cinco categorías
distintas, comezándose a súa entrega con Vigo
Low Cost como mellor blog Informativo/Cultural, superando a outros
proxectos interesantes como a orixinal proposta de Enxebre Markets e o blog de Briefing Galego.
- Mallando no Android recibiu o recoñecemento como mellor blog tecnolóxico
Máis clara estaba a vitoria na categoría de mellor blog tecnolóxico, que foi
para a Mallando no Android, espazo
integrado na rede de blogs Vencello, que
é dos blogues en galego sobre tecnoloxía, que destaca por especializarse no
mundo de Android para facerse un oco na web galega, e conseguindo así cubrir
unha demanda de información na nosa lingua, como recoñeceron ao recibir a o
trofeo que destaca o seu labor.
- Tras ser finalista o ano pasado, Vivir Galicia conseguiu despuntar como mellor blog turístico
A categoría de mellor blog turístico estaba moito máis rifada, pois contaba con
proxecto moi completos como Equipaxe de
Man e Chaveas, indo finalmente a
parar a Vivir Galicia, blog
que na anterior edición fora un dos finalistas.
- O mozo da autora de Fashion Low Cost encargouse de recoller o premio no seu nome
As dúas últimas entregas de premios da xornada foron sui géneris, pois estaban ausentes as autoras de ambos blogs,
recollendo unha persoa os mesmos no seu nome. O mellor blog de moda recaeu en Flashion Low Cost, blog creado pola
coruñesa Isabel Casanova como terapia tras un accidente de tráfico, sendo o seu
mozo que, tras recibir o galardón no seu nome, quixo compartir co auditorio
algunhas das mensaxes que reciben polo seu labor e que os animan a seguir
adiante.
- Loly Llano leu unha mensaxe de agradecemento da autora de La Cocina de Lechuza, mellor blog gastronómico nos Premios MexilOnseTuits
Recoñeceuse a La Cocina de Lechuza
como o mellor blog gastronómico, que foi recollido por Loly Llano do blog O Garfelo, quen leu un discurso de
agradecemento de Pilar Martínez, autora do blog premiado.
O Festival Social Media de Galicia rematou coa entrega dunha mención especial
ao equipo de O Tempo da TVG, pola súa
aposta polas plataformas sociais, especialmente
de Facebook, para achegarse á audiencia e tender unha ponte co público
valéndose das posibilidades da Internet, do que tense clara constancia no
propio espazo televisivo no que amósanse diariamente fotografías remitidas
polos seareiros do espazo. Encargáronse de recibir este recoñecemento Ana Celia
Vázquez e Diego Viaño, quen agradeceron o premio á organización e tamén á súa
audiencia, que foi a peza chave deste éxito que demostra que a distancia que
separa ambos lados da pantalla pode superarse grazas ás posibilidades das TIC.
Tras o certame, os asistentes puideron percorrer as rúas de Bueu para ver as
alfombras florais que adornaban a celebración do Corpus Christi, visitar o
Museo Massó e pasear pola ría en embarcacións tradicionais grazas á Asociación
Os Galos de Bueu.
- O presidente de FECIMO, Xosé Brangueses, recibiu aos asistentes ao MexilOnseTuits destacando o papel dinamizador do Social Media no tecido empresarial
- Félix Juncal, alcalde de Bueu, agradeceu a presenza dos representantes do Social Media galego na súa vila
- Daniel Martín impartiu un relatorio titulado Tiempo de Redes Sociales. Reciclando secretos de la comuniación
- A ponencia de Adrián Rodríguez respondía ao título de Una nueva forma de mostrarse al mundo. Cultura Blogger y Social Media
- A xeito de sorpresa, o autor do Rías Baixas Style visitou o Centro Social do Mar para agradecer o seu premio
- Diego Viaño agradeceu á organización o recoñecemento do traballo do equipo de O Tempo na súa aposta polas redes sociais
- Ana Celia Vázquez non quixo esquecer aos seus seareiros, que son os que fixeron posible o éxito de O Tempo en Facebook