Celebrada con éxito a primeira xornada de EficienTIC

mércores, 25 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

O traballo rutineiro da Cidade Tecnolóxica de Vigo (CITEXVI) viuse interrompido durante a mañá de onte polo burbullo de sesenta alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato dun centro de Baiona, que se achegaron ata as instalacións deste edificio para asistir á primeira xornada de EficienTIC, onde se concienciaron sobre o uso eficiente da tecnoloxía.
Estas xornadas de divulgación que organiza o CITEXVI en colaboración con GRADIANT (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) e ENERGYLAB (Centro Tecnológico de Eficiencia y Sostenibilidad Energética), inclúen demostracións, visitas guiadas e obradoiros tecnolóxicos, nos que os alumnos e alumnas aprenden a utilizar a tecnoloxía que os rodea do xeito máis eficiente posible.
Onte, por exemplo, o alumnado procedente de Baiona puido coñecer de primeira man o nivel de contaminación que rexistraban os seus trebellos tecnolóxicos, e aprenderon a utilizalos de xeito eficiente para aforrar enerxía.
Asemade, probaron persoalmente un Scalextric que funciona coa enerxía xerada polos propios estudantes ao dar pedaladas nunha bicicleta, unha radio que funciona coa enerxía xerada por unha soa candea, pantallas que se apagan cando non hai ninguén diante e volven funcionar cando “ven” unha cara... así como outros múltiples exemplos prácticos, cos que a organización buscaba xerar curiosidade e concienciar sobre os consumos dos aparellos electrónicos e as alternativas para seren máis eficientes.
A xornada repetirase en reiteradas ocasións nestes primeiros meses do ano, nos que se desenvolverán unha serie de obradoiros centrados na tecnoloxía e na eficiencia enerxética para concienciar a tódolos alumnos galegos.
Estas actividades desenvólvense no propio edificio CITEXVI, inaugurado este verán por Cristina Garmendia (ex ministra de Ciencia e Innovación) e o presidente da Xunta de Galicia Núñez Feijoó, que conta con múltiples espazos para a organización deste tipo de xornadas.

PUBLICIDADE