O pasado mes de novembro constituíuse o Club de Investidores do Clúster TIC Galicia, tal e como informamos dende Código Cero facendo fincapé nas entidades fundadoras (un total de oito: Altia, Bahía Software,Clictic, Imatia, Itelsis, JDLV Investidores, Plexus e R) e nos seus obxectivos: investir en iniciativas emprendedoras da nosa terra baseadas nas novas tecnoloxías da información. Segundo recorda o Clúster, o club presentouse en sociedade na quinta edición do evento Clúster TIC Capital Network-CCN, cuxa edición saldouse con 9 propostas aspirantes. Agora, xa entrados de cheo en 2015, vén de facerse o primeiro investimento nunha delas. A primeira aposta do club é polo proxecto empresarial de Centum Research & Technology.
Trátase dunha compañía especializada no deseño, desenvolvemento e comercialización de sistemas aeronáuticos de misión, tanto para plataformas aeronáuticas tripuladas como drons, que se dirixen sobre todo a operacións no ámbito das emerxencias e a seguridade. Nesta liña insírese o proxecto LifeSeeker, un sistema de busca para persoas extraviadas desenvolvido conxuntamente entre os investigadores de Centum e os do centro tecnolóxico Gradiant. Máis en detalle, LifeSeeker é unha tecnoloxía aeronáutica concibido para o seu uso en misións de procura e rescate que permite a localización das persoas a través do seu teléfono móbil. LifeSeeker, confirma o Clúster TIC, xa foi probado con éxito a bordo de drons e helicópteros en contornas reais de alta montaña nas que, nunha extensión superior ao 100 quilómetros cadrados, acháronse 4 obxectivos previamente escondidos por efectivos dunha axencia de seguridade, en menos de 40 minutos.
Os membros do Club Altia, Bahía Software, JDLV Investidores e Plexus, son os que cubriron esta rolda de investimento. A súa iniciativa tomouse de forma coordinada con Xesgalicia, que tamén participa na rolda. Segundo explica o Clúster, entrada do Club de Investidores no capital de Centum “tamén arrastrou a outros investidores privados de renome nacional e internacional no sector aeronáutico, como o actual presidente do Cluster aeronáutico de Baviera, que acudiu á rolda de investimento tras a aposta do Club galego”. A compañía pecha así a a súa primeira rolda de investimento na que captou máis de 700.000 euros entre empregados, Club de Investidores do Cluster TIC (200.000), Xesgalicia (250.000) e investidores privados e prepara xa unha segunda rolda para o segundo semestre de 2015.
O Club de Investidores continúa analizando outros 4 proxectos, un dos cales xa foi aprobado para rolda final de negociación, prevendo abrir unha nova convocatoria de presentación de proxectos no mes de xuño.
Centum, primeira aposta firme do Club de Investidores do Clúster TIC
Compartir Este Artigo

