Chega dende Vigo unha comunidade de viaxeiros que comparten fotoaudios co mundo: Panoraudio
mércores, 2 de xullo do 2014
Dende Vigo chéganos
estes días un proxecto tecnolóxico ben interesante co que podemos
ampliar o coñecemento do mundo que nos rodea a través dunha fórmula
ben sinxela: escoitar de primeira man o que contan os
viaxeiros-internautas sobre os lugares que visitan e aos que tamén
nos gustaría ir en canto teñamos oportunidade. Chámase Panoraudio
e, como o seu nome indica, reivindica o concepto de audio como
instrumento de comunicación, interacción e (tamén) inspiración,
todo cinguido coas posibilidades que achegan os móbiles e a
xeolocalización.
En definitiva, Panoraudio convídanos a dar conta
do mundo a través dos diferentes sons que abrollan del, e todo a
través dunha serie de pezas de audio (con fotografías e
xeolocalizadas) en constante crecemento. Cada arquivo vén filtrado
por idioma e categoría. En palabras dos seus creadores, “estamos
ante unha idea simple, sinxela e con potencial ilimitado”.
Panoraudio vén da man
de tres emprendedores de Vigo, entre os que se conta Fernando Julián
Freire, e parte da base de tirar proveito das posibilidades de
rexistro dos dispositivos móbiles (que non só fan fotografías e
serven para comunicarnos e acceder á Rede, senón que tamén, cómpre
lembralo, posibilitan facer rexistros sonoros) para darmos conta dos
lugares e países onde residimos ou a onde temos viaxado. A idea é
permitir que os usuarios de trebellos tecnolóxicos “fagan das súas
viaxes experiencias inesquecíbeis”.
Panoraudio non só
acubilla información útil e anécdotas sobre sitios “que non
podemos deixar de visitar”, senón tamén actividades concretas que
facer, onde hospedarnos, comer ou ir de compras. Trátase dunha
ferramenta-plataforma-comunidade, polo que se vai facendo coas
achegas de todas e todos os usuarios. “As audioguías resultantes”,
informan os creadores, “poñen ao noso alcance as vivencias de
persoas de todo o mundo que decidiron descubrirnos coa súa voz e as
súas propias palabras os sitios de interese que coñeceron ou as
actividades que lles fixeron estremecer”.
Para facer uso do
servizo, só teremos que permitir que este nos localice no mapa e nos
informe sobre todo o que nos rodea, ou ben facermos buscas directas
acerca de lugares concretos nos que esteamos interesados. Ademais,
“para axilizar as nosas buscas”, teremos a oportunidade de
acceder aos distintos audios mediante o uso de categorías.
Segundo engaden os
responsábeis deste desenvolvemento, hoxe en día as posibilidades de
información e comunicación que nos ofrecen os dispositivos móbiles
son ilimitadas. Porén, “aínda usamos unha mínima porcentaxe
deste potencial”. Neste senso, engaden, “Panoraudio ofrece a
posibilidade de dar un novo uso a estes trebellos, compañeiros
infatigables de viaxes”.