Comeza o proceso para crear un polo tecnolóxico de avións non tripulados na nosa terra

xoves, 4 de xuño do 2015 Redacción

Semella que o desenvolvemento de drons, por enteiro ou centrándonos nos compoñentes e tecnoloxías, pode ser unha boa oportunidade para as nosas empresas. Coñecemento e capacidade dende logo non falta. Así o entende tamén a Xunta, que deu a coñecer este xoves, a través do DOG, o comezo do proceso para constituír un polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados en Galicia.
Deste xeito, as empresas interesadas tanto en ser escollidas como socias da Xunta neste cometido como en participar nos procesos de compra pública innovadora que se van levar a cabo, deberán contactar coa Axencia Galega de Innovación a través de gain.xunta.es. O prazo está aberto até o 22 de xuño. As firmas que queiran participar nesta iniciativa encetarán un obradoiro específico sobre a temática (en xullo).
O dito trámite (as primeiras roldas de comunicación empresas-Xunta) permitirá comezar coa seguinte fase do proxecto: a busca de un ou varios socios tecnolóxicos que se encargarán “de desenvolver un plan de investimentos asociados, instalar centros de produción, implicar a compañías e centros galegos no proxecto, e crear emprego”, explica o Goberno galego, que engade que a iniciativa contará cun orzamento de até 25 millóns de euros e que a empresa ou empresas tecnolóxicas que fagan o devandito plan de investimentos asociados e instalen centros de produción (amais dos citados cometidos) buscarán integrar nos seus proxectos a centros tecnolóxicos e de investigación galegos que xeren coñecemento en áreas como os sistemas de comunicacións, e a empresas tamén galegas do sector aeronáutico e doutros, como os auxiliares do metal ou os do naval e o motor, “que terán aquí unha oportunidade para impulsar a súa diversificación”, explícase.
Os retos expostos pola Xunta abranguen os seguintes eidos de actuación para os drons que se desenvolvan: prevención e extinción de incendios, xestión de catástrofes, salvamento marítimo, inventariado e xestión integral do territorio, control do furtivismo, elaboración de mapas de riscos, vixilancia costeira e xestión de fluxos turísticos, entre outros.
“O proceso”, sinálase no DOG, “concluirá a finais de ano coa contratación dun socio ou socios, clave cara o desenvolvemento dun abano de tecnoloxías en sistemas aéreos civís non tripulados creadas, desenvolvidas, fabricadas e probadas en Galicia, poñendo á comunidade en situación de competir nun mercado que se estima que acade os 67.000 millóns de euros en 2020, e situando a Rozas como un referente en Europa no ámbito do desenvolvemento de tecnoloxías en avións non tripulados para aplicación civís”.

PUBLICIDADE