Convocado este domingo un bioblitz no Monte San Pedro da Coruña para crear un catálogo virtual

venres, 30 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A defensa da natureza, no rural e nas contornas das cidades, é unha actividade que cada vez ten máis ligazóns coa actividade internauta. Por exemplo: facendo fronte común con sinaturas e convocatorias nas redes sociais, dando acubillo a documentacións e fotos, poñendo en marcha webs de divulgación, etc. Nesta liña vai a nova acción programada polo Grupo Naturalista Hábitat da Coruña, que está a organizar un bioBlitz no monte de San Pedro o vindeiro domingo 1 de abril. A actividade consistirá nun estudo de campo, colectivo, para explorar o cumio coruñés e a súa contorna rexistrando e identificando o meirande número de especies ás que dea acubillo.
En base a isto e coa axuda de tódolos participantes (equipados con cámaras dixitais), crearase un catálogo virtual público na web do Grupo.
Segundo informa a plataforma estamos ante “o primeiro estudo feito en Galicia neste formato, só semellante a probas virtuais previas feitas na provincia de Pontevedra”. O modus operandi da iniciativa é ben sinxelo e ten un gran potencial de eficacia, en parte pola concorrencia de moitos e moitas (facendo o que dificilmente poderían facer poucos participantes en tan pouco tempo), en parte polo uso das novas tecnoloxías, que axilizan e aseguran un bo rexistro dos achados e, sobre todo, unha boa recuperación e consulta dos mesmos. Deste xeito, cada membro da excursión terá que escoller unha das áreas nas que se divida o parque e fotografar logo tódolos seres vivos que localice. Logo deste proceso, identificaranse as especies fotografadas e iráselle dando forma ao dito catálogo virtual.
Horario de actividades:
10:15-11:15 Visita guiada polo G. N. Hábitat ao Monte de San Pedro.
11:30-14:00 BioBlitz (sesión de mañá).
16:00-19:30 BioBlitz (sesión de tarde).
O punto de partida e encontro é a entrada da Cúpula Atlántica do Monte de San Pedro (A Coruña). Inscricións, dúbidas e comentarios: gnhabitat@yahoo.es.

PUBLICIDADE