Coruña Dixital amosa as posibilidades dos contidos inmersivos en colaboración co TEK-FEST

martes, 20 de setembro do 2016 Marcus Fernández

O equipo do TEK-FEST de Pontevedra, Diego Parajó e Toño Cabanelas, quixo dar un petisco a un reducido grupo de axentes da cidade da Coruña do que será o obradoiro de VR 360: Audio, Video & Programming que entre os días 27 e 29 afondará na produción de contidos audiovisuais inmersivos, e que actualmente aínda ten aberto o seu proceso de solicitude de inscricións, sendo unha magnífica oportunidade para profesionais do audiovisual, deseñadores, programadores e artistas dixitais para poder profundar nas novas ferramentas que están a abrir posibilidades á creación valéndose na proliferación dos sistemas inmersivos que prometen popularizarse este outono grazas ao lanzamento comercial das PlayStation VR (á vez que tamén se normalizará a comercialización das Oculus Rift e HTC Vive).
Esta actividade englobada no programa Coruña Dixital celebrouse no mercado da Praza de Lugo, onde os asistentes puideron non só coñecer detalles sobre a gravación de contidos en 360 graos e os retos que supón para rexistrar axeitadamente audio e vídeo, senón que tamén puideron participar na captura de fotografía e vídeo no propio mercado coruñés, convidando incluso ás praceiras a probar o casco Samsung VR para ver o seu contorno de traballo de xeito inmersivo, experiencia que aceptaron con grande interese e emoción, deixando claro que este tipo de contidos gozan de grande atractivo para o grande público.
Dado que esta pílula demo de realidade virtual tiña lugar nun contorno en mobilidade, en vez de probarse sistemas baseados en ordenadores persoais, optouse por traballar con solucións máis básicas e tamén moito máis asumibles para que os creadores poidan animarse a experimentar cos novos formatos, como son as cámaras Samsung Gear 360 e Ricoh Theta S e o sistema de visualización Samsung VR cun smartphone Samsung Galaxy S6 edge, que resultaron máis que suficiente para demostrar o accesible que resulta actualmente a captación de contidos inmersivos, que por fortuna xa non precisan de grandes sistemas multi-cámara seguidos de enormes procesos de post-procesamento mediante sistemas informáticos, de xeito que xa pode realizar unha visualización dos contidos in situ.
Esta experiencia axuda a que os creadores de contidos vexan como é posible aplicar esta tecnoloxía de comunicación a pequenas iniciativas sociais e culturais, podendo incluso empregarse este tipo de tecnoloxía como un reclamo turístico.

Adianto do TEK-FEST

Os interesados en afondar nesta tecnoloxía poden inscribirse no obradoiro que se desenvolverá no marco do TEK-FEST a partires do vindeiro martes, cando tamén botará a andar outro obradoiro en paralelo sobre cartografía dixital impartido por Javier Noguerol, e que tamén mantén aberta a súa inscrición.
Para un público máis amplo sería a actividade central do TEK-FEST, un simposio que desenvolverase o día 30 e que a través de conferencias e performances artísticas quere introducir aos asistentes na cidade do futuro, á vez que tamén demostrarán tecnoloxías de realidade virtual e incluso darán conta das posibilidades da artesanía dixital.
O público xeral poderá acudir ao TEK-FEST o sábado 1 de outubro para participar do Demos Day, unha xornada de portas abertas na que os visitantes poderán probar distintos trebellos como o sistema de realidade virtual HTC Vive e incluso, en primicia, poder achegarse ao casco PlayStation VR que sairá á venda en poucas semanas e achegará a realidade virtual á consolas PlayStation 4 (o que podería supor a popularización desta tecnoloxía no mercado doméstico).

PUBLICIDADE