Descuberta unha web que ofrecía o hackeo de contas de Facebook

venres, 18 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

PandaLabs segue a voltas rastrexando a Rede á procura da face máis dura nisto de pasar por enriba dos demais para sacar proveito da comunicación dixital. E malia que costa crer que haxa algún internauta que se expoña como tal, á vista de todos e anunciándose como elemento, a realidade sempre nos sorprende. O último achado de Panda vai ao gran coma poucos. De feito, esta é a mensaxe que lle lanzan á comunidade internauta os responsables do servizo localizado: “Calquera identidade de Facebook pode ser hackeada”. E con isto case se explica todo: trátase dunha suposta empresa en liña que lles achega aos seus clientes o nome e o contrasinal preciso para acceder a calquera conta persoal da devandita rede Facebook.
O único que se pide son 100 dólares. A cambio, amais do devandito, o beneficiario estará en disposición de recibir calquera chave que se lle antolle co obxectivo de asexar na comunicación privada de todo tipo de internautas: dende o máis anónimo até o máis coñecido.
Segundo informa a empresa de seguridade informática, o pago levaríase a cabo a través de Western Union, sendo Ucraína o país receptor, malia estar o servizo rexistrado en Moscú. O curioso é que o servizo, como vén sendo habitual neste tipo de actividade, adopta os modelos de comportamento de calquera empresa do sector. Mesmo acreditan o que se podería entender, senón se tratase dunha mafia, como experiencia comercial intachable: ao longo dos seus catro anos de actividade, unicamente se lles resistiu o 1% das contas de Facebook. Con todo, segundo se conta en Panda, podería tratarse dun currículo ficticio, xa que estamos a falar dunha web que só ten uns días de vida.
Pensándoo detidamente, o raro sería esixirlles formalidade á hora de seren veraces na elaboración e presentación da súa traxectoria profesional.
Segundo engade Panda, non está totalmente claro o obxectivo desta web: ben pode ser realmente o hackeo de contas de Facebook tal e como anuncian ou ben acadar beneficios económicos de aqueles que tentan probar o servizo. Asemade, poden usarse os datos roubados (os datos persoais aloxados na conta de Facebook para enviarlle á Rede máis programas malware dos que xa ten.

PUBLICIDADE