En marcha Estí Magazine, revista de moda para trebellos con base na nosa terra

martes, 22 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Con emprazamento físico galego pero con redes de participación e influencia directa nun bo número de cidades de España, Arxentina, Perú e Brasil, estes días está ter fonda repercusión na Internet o proxecto Estí, unha revista de moda e tendencias botada a camiñar hai unhas semanas como aplicación de uso común para tablets e smartphones. O servizo, posto en marcha por Blanca Vidal e Juan Ignacio Bagnato, permítenos, deste xeito, estar ao tanto dos últimos contidos sobre tendencias, cultura e tecnoloxía. Esta aplicación de raizame galega, que se escribe éSTí Magazine, é de balde e está dispoñíbel xa para iPad, iPhone, Kindle e, en breve, para smartphones Android.
A idea dos creadores era achegar un xeito diferente de estarmos ao día sobre os vieiros novos da creatividade presente e futura, tirando partido de aparellos que, pola súa propia natureza, fornecen dunha lectura dinámica e moderna. Neste senso, buscouse atender ao potencial que ofrecen detalles como a posición horizontal da pantalla, “moi axeitada para acceder ás fotografías e ilustracións, mentres que a vertical aproxima cada artigo a unha visión máis propia dunha revista clásica, dándolle prioridade ao texto”.
O servizo inclúe diferentes técnicas para facilitarnos o camiño a través do seu seo, por exemplo ferramentas de agrupación por categorías (moda, beleza, cultura, tecnoloxía) ou marcadores de favoritos que fan máis doado o emprego. Asemade, hai ferramentas para compartir a lectura cos contactos das redes sociais, “que amplían o alcance de toda a experiencia”. A revista conta cun equipo de redactores e colaboradores procedentes de diversos eidos de traballo e países. Con base na Coruña, como dixemos, o seu radio de acción-colaboración chega a diversas cidades españolas, europeas e americanas, sendo a idea fundamental a de fornecer aos lectores a visión máis ampla posíbel das temáticas a tratar. No seu primeiro número, maio 012, a publicación conta cunha serie de persoeiros do eido creativo, como o modisto Francis Montesinos, que está a celebrar catro décadas de traballo no ámbito do deseño e que falou coa revista nunha visita recente á Coruña; ou os novos talentos do proxecto BAAM, Bos Aires Alta Moda, que achegan a súa visión particular do fervedoiro creativo no que se están a converter os barrios porteños.

PUBLICIDADE