O CPEIG e Vitae celebran o 23 a 2ª edición da súa charla formativa sobre captación de profesionais TIC

mércores, 14 de febreiro do 2024 S. P.


O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a consultora de recursos humanos Vitae, con sede na Coruña, Vigo e Madrid, celebrarán o vindeiro venres, 23 de febreiro, a segunda edición dunha charla formativa sobre como captar e reter aos profesionais TI. A conferencia, de carácter gratuíto e impartida polo experto en contratación e socio director de Vitae, Marcos Carbonell, terá lugar na Cidade das TIC da Coruña en horario de 17:00 a 19:00 horas.
O obxecto da acción formativa é ensinar a avaliar e seleccionar estes perfís para retelos nas empresas, xa que actualmente o mercado TI ten moita máis oferta de emprego que candidatos dispoñibles, o que produce unha gran rotación nas compañías, sobre todo os perfís de desenvolvemento de software.
Marcos Carbonell dará as claves para realizar esta selección e captación de persoal TI desde dous puntos de vista: o científico, que proporciona a psicoloxía do traballo, e desde a visión dos recursos humanos para conseguir resultados fiábeis e perdurables no tempo. “Falarei máis da parte emocional que da racional, pois o lado emocional é o que decide cando un está a gusto ou non nunha empresa e cando toma a decisión de quedarse ou marcharse. Os profesionais informáticos conseguiron nos últimos tempos grandes logros, como o teletraballo, a flexibilidade horaria, semana laboral de catro días, autonomía, autorganización, altos salarios, capacidade de elección de empresas e proxectos adaptados ao seu perfil e intereses, formación ou beneficios sociais, entre moitas outras” –explica–.
O relator analizará os valores, as motivacións, a personalidade e os intereses destes profesionais TI, dentro de tres grupos profesionais; os técnicos, os xefes de proxecto e os directivos. Tamén comentará as ferramentas clave que utilizan as empresas actualmente para reter e captar aos profesionais TI, e os instrumentos que se implantarán no futuro.
Entre os seus logros, Vitae entrevistou a máis de 14.000 profesionais e formou a más de 33.000, o 95 % do sector TI, polo que se definen como unha consultora especializada no lado humano da tecnoloxía.
As persoas interesadas en asistir deben inscribirse no mail informacion@cpeig.gal.

PUBLICIDADE