Estréase a segunda tempada da webserie galega Clases de lo social

mércores, 8 de outubro do 2014 Redacción

Ao formato das webseries seguen a medrarlle as extremidades. A este proceso de crecemento, está ben que así sexa, non están a ficar alleos nin nosos creadores nin os espectadores. Esta semana temos novidades ao respecto acerca dunha webserie da que falamos hai pouco, Clases de lo social unha comedia en pequenos anacos que avalía con humor o noso comportamento perante situacións cotiás. Pois ben, segundo informa a Universidade de Vigo, onde se forma a produtora Alejandro Sotelo, a segunda tempada de Clases de lo social estréase este venres no IES Sánchez Cantón de Pontevedra.
Detrás deste produto audiovisual, que coma todas as do seu formato mestura a feitura dunha serie de TV co amplo abano de posibilidades que achegan as novas tecnoloxías (rodaxe, montaxe, presentación, distribución), atópanse Alejandra Sotelo, estudante de Comunicación Audiovisual, a xa titulada Lucía Porto, que desenvolveu os labores de directora de produción desta segunda tempada, e máis Pablo Cacheda, o director.
A rodaxe desta nova achega de Clases de lo social comezou este mes de maio. O proceso estendeuse ao longo de dez días, en Pontevedra e Santiago, nos que se deu forma aos sete capítulos que integran a segunda tempada.
A estrea da segunda tempada de Clases de lo social terá lugar este venres 10 de outubro ás 20.30 horas no IES Sánchez Cantón de Pontevedra, unha das localizacións principais dunha webserie que protagonizan Santi Romay, Sabela Arán e que contou tamén coa participación de actores como Carlos Blanco, Avelino González, Xulio Abonjo, Monti Castiñeiras ou David Amor. Segundo explica Porto, este acto servirá para amosar por primeira vez varios dos capítulos que, a partires do día 11 se irán subindo á Rede cada dez días.
Segundo informa a Universidade de Vigo reflectindo o punto de vista de Porto, a serie xira arredor “dunha materia na que se ensina como comportarse con descoñecidos, cos teus sogros ou cos amigos da túa parella”. Engade que se trata dunha comedia centrada en “situacións cotiás”. Sotelo, pola súa banda, salienta o enfoque que dá esta webserie a “cousas que nos pasan a todos algunha vez e que decote non se adoitan reflectir deste xeito, e por iso trátase dunha comedia na que te ves moi identificado”.