Fnac estrea 2-en-1 con Windows 10

mércores, 23 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ver como nas tendas da cadea Fnac venden con grande éxito smartphones e tabletas baseadas en Android que veñen da man de Bq, pero agora a compañía dá un paso máis adiante e alíase con Sunstech para lanzar o seu primeiro equipo convertible 2 en 1, o Fnac One, que non é máis que unha tableta con Windows 10 que comercialízase cun teclado con touchpad, de xeito que podemos traballar con ese trebello coma se fose unha tableta ou un ordenador portátil.
O novo Fnac One ten unha pantalla IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, procesador Intel Atom Z3735F de catro núcleos a 1,33 GHz, 2 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, mini-HDMI, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N e batería de 7.000 mAh. O seu peso é de 620 gramos e véndese a un prezo bastante atractivo, 239,99 euros, polo que podería ser un grande éxito nesta campaña de Nadal.
Como curiosidade dende Fnac apuntan que España é o único país no que a compañía implantou a súa gama exclusiva de produtos tecnolóxicos. Tamén podemos lembrar que unha das súas 28 tendas españolas está na cidade da Coruña.

PUBLICIDADE