Google anuncia un sistema operativo orientado a ultraportátiles

mércores, 8 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Durante moitos meses rumoreábase que Google estaba a preparar un sistema operativo, pero o lanzamento do Google Chrome hai nove meses deu a entender que a compañía de Mountain View orientaba a súa estratexia de expansión aos escritorios a través do seu propio navegador web, para potenciar as aplicacións web coma Google Reader, Gmail, Google Docs ou Google Calendar, que serven así para construír un paquete de aplicacións ofimáticas baseado na Internet, e cun rendemento bastante bo. Pero a cousa non queda aí, e hoxe anuncian que este proxecto vai a seguir o seu «espallamento natural» dando lugar o Google Chrome Operating System.
O novo sistema operativo estaría orientado aos ordenadores ultraportátiles, estaría baseado en código aberto, orientado ao uso da web de xeito intensivo e buscando un tempo de arranque moi reducido. O Google Chrome OS funcionará tanto con procesadores x86 coma con ARM, polo que funcionaría en diversidade de equipos (entre os que incluso estarían moitos dos chamados MID) e agárdase a súa publicación para a segunda metade de 2010.
As vantaxes desta nova plataforma serían a súa rápida execución e a súa seguridade fronte a software malicioso, pero o seu anuncio sorprende lixeiramente porque entendíase que non sería Google Chrome o que saltaría aos ordenadores, senón que podería ser o sistema operativo Google Android o que pasase dos móbiles intelixentes aos ultraportátiles.
Hai que entender que o novo sistema operativo estarían totalmente orientado á Rede, aínda que as aplicacións web tamén poderían tirar proveito da tecnoloxía Google Gears para funcionar en momentos nos que se carecese de acceso á Internet, pero ata que o Chrome OS sexa unha realidade será difícil facer valoracións sobre o mesmo, aínda que non faltan os que ven con preocupación de Google estea a monopolizar tantos ámbitos das nosas vidas.

PUBLICIDADE