Gradiant lembra os seus proxectos referenciais en seguridade co gallo do #DataPrivacyDay
venres, 29 de xaneiro do 2016
Como viñamos
anunciando os dias pasados, este xoves celebrouse o
#DataPrivacyDay, o Día da Protección de Datos en Europa, un evento
que se vén convocando dende hai unha década e que a Comisión
Europea emprega para lembrarnos a importancia de pór en xogo maiores
e medidas para salvagardar información e privacidade ao abeiro das
novas canles dixitais. E máis tendo en conta que segundo as últimas
estatísticas do Eurobarómetro, só unha minoría dos europeos (15%)
cren que teñen o control total sobre a información persoal que
proporcionan en Internet. Ao fío desta celebración, o
centro tecnolóxico Gradiant lembrounos a importancia de seguir
impulsando medidas e proxectos que incrementen a ciberseguridade
e recordounos, tamén, as iniciativas deste ámbito que ten
impulsado.
Por exemplo o proxecto SCAPE ou a
solución SHADOW de rastrexabilidade documental, aos que cómpre
engadir as iniciativas PRIPARE ou WITDOM, esta
última dirixida en boa medida a fornecer unha nube máis segura e
fiábel.
Segundo nos contan dende
Gradiant, a proliferación e popularización de tecnoloxías “con
enorme capacidade para recompilar datos”, como a Internet das
Cousas (IoT) ou os chamados wearables (dispositivos para
levarmos postos), xunto a cousas como a información masiva (Big
Data) e as técnicas máis innovadoras de análise e xestión de
datos (Data Analytics e Data Intelligence), fan cada vez máis
necesaria a aplicación de políticas Privacy by Design e a
posta en marcha de sistemas exhaustivos de avaliación de impacto
previos á captación de datos. A este respecto, engaden dende o
centro tecnolóxico galego, Gradiant é o referente galego en
innovación TIC “e sempre ten a mira posta en protexer a
privacidade”. Para isto, introduciuse de cheo no concepto Privacy
by Design grazas ao proxecto
europeo PRIPARE (Preparing the industry for
Privacy-by-design), destinado en parte a facilitar medidas e
tecnoloxías que garantan unha Internet libre de interrupcións,
censura e vixilancia.
O centro tamén recorda
os seus traballos noutros eidos das tecnoloxías para a seguridade,
entre os que se inclúen a seguridade na Internet das Cousas, o
procesado e almacenamento de datos sensíbeis na nube, a
vídeoanálise, as técnicas forenses para material multimedia ou os
sistemas biométricos e protección de templates biométricos.
Solucións todas elas “que contribuíron a mellorar a
competitividade das empresas que apostaron por innovar connosco”,
engade Gradiant.