Esta semana presentouse nos seus detalles (moitos deles tecnolóxico) a segunda edición da ICC Week, a Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense entre o 10 e o 14 de maio, en diferentes recantos da provincia. Os detalles foron achegados polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os coordinadores da ICC Week, Juan Rivas e Manuel Araújo. Segundo fixo saber Baltar, o evento ICC Week é unha actividade que mestura o tradicional (a reivindicación do rico patrimonio arquitectónico e artístico da provincia, exemplificado nas sedes diferentes das actividades programadas, como San Pedro de Rocas ou Sal Salvador de Celanova) con “aquelas cuestións que significan estar a falar do último en innovación”.
A ICC Week 2016, engadiu, será un punto de encontro para emprendedores e protagonistas creativos que atoparán na provincia de Ourense “o marco perfecto para o traballo colaborativo, a potenciación de negocios e apertura de novos mercados”. Esta nova edición acollerá obradoiros, charlas, entrevistas e demostracións. O programa diríxese, como dixemos, a combinar dous mundos (a historia de Ourense e a súa innovación actual) extraendo unha fórmula de futuro. “A ICC Week”, explicouse na presentación, “é un acontecemento transversal na cultura e industria creativa que xuntará radio, cine, TV, música, aplicacións móbiles e videoxogos”. A programación para esta edición “contará cos mellores profesionais dos distintos ámbitos culturais”, sinalou Juan Rivas.
En canto ao programa previsto para o martes, 10 de maio, no Centro Cultural Marcos Valcárcel terá lugar a inauguración deste evento baixo o título Turismo laranxa, creatividade e cultura para un novo concepto de turismo. O mércores, 11 de maio, pola mañá, no Mosteiro de San Salvador de Celanova, será a quenda para A Industria da Música e os seus axentes. O futuro das discográficas, os eventos, a radio e a prensa musical na era dixital, e pola tarde, abordarase o tema da Creatividade e televisión o matrimonio perfecto. O futuro dos contidos e a TV. O xoves, 12 de maio, pola mañá no Pazo de Vilamarín, realizaranse obradoiros de competencias creativas sobre crowfunding e design thinking.
Ese mesmo día pola tarde, en San Pedro de Rocas, tratarase Os novos retos culturais e creativos en Galicia. Oportunidades do territorio, cultura e creatividade, ferramentas de xestión. O venres, 13 de maio, en horario de mañá na Molinera, abordarase A economía creativa e o futuro dos contidos. Tendencias tecnolóxicas e, pola tarde no Teatro Principal da Deputación de Ourense, falarase da Provincia Intelixente, a terra prometida. Tendencias tecnolóxicas 2016, onde participará o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o editor xefe de Wired UK, David Rowan; e o director do proxecto educativo de bq, Alberto Valero.
A ICC Fest, o concerto do marco Ourense ICC Week 2016, terá lugar o sábado, 14 de maio, coa actuación do grupo Love of Lesbian, que como adiantou Juan Rivas “tivo un gran impacto a nivel autonómico; xa se venderon máis de 1.500 entradas e hai un aforo máximo de 3.000”. A ICC Kids terá lugar os días 13 e 14 de maio na Molinera, con talleres innovadores para nenos e nenas entre os 8 e os 15 anos.
Os interesados en participar poderán inscribirse a partir de hoxe nas actividades programadas para os días 11 e 12 de maio na web da ICC Week. Segundo comentou na presentación Manuel Araújo, as inscricións terán un custe “moi accesible e semellante ao do ano pasado”. Os pases veñen con tres modalidades: a primeira, para asistir ás xornadas por un día, cuxo custe é de 10 euros, que inclúe un autobús con desprazamento desde Santiago de Compostela ata Ourense e un desconto do 35% en RENFE desde calquera localidade. A segunda modalidade inclúe autobús e xantar por 18 euros, e a terceira, é un bono de 30 euros, que abrangue os dous días de xornadas xunto co autobús e o xantar.
ICCWeek 2016 abranguerá múltiples obradoiros sobre lecer e creatividade dixital
Compartir Este Artigo

