Igaciencia organiza a comezos de xullo a primeira edición dun congreso sobre software libre e ciencia

martes, 5 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

O edificio do CEI-Nodus de Lugo, sede das actividades

O CEI-Nodus de Lugo vai dar acubillo a unha iniciativa que cingue mundos que se enriquecen e nos enriquecen. Cuestións como programación aberta, computación, investigación ou innovación, xuntas e sacando en compañía o mellor de si mesmas, van ser o alicerce da primeira edición dun evento a desenvolver os días 2 e 3 de xullo e que vén da man de Igaciencia. Falamos do I Congreso de Software Libre para Ciencia, Matemáticas e Tecnoloxía, evento que xa ten aberto o prazo de inscrición e que se insire nas celebracións do Ano Galego da Tecnoloxía que organiza Igaciencia.
Entre os relatorios-obradoiros confirmados do congreso inclúense (a maiores de outros dos que iremos informando) un de competencia matemática e Geogebra (a cargo de Inés Ben, do IES Vilar Ponte de Viveiro), outro de Python e Geogebra 5 (a cargo de Manuel Día Regueiro), unha actividade sobre software libre aplicado á simulación en empresas produtoras (da man do CESGA e, máis polo miúdo, de Andrés Gómez Tato, o actual responsábel do Departamento de Aplicacións Científicas e Proxectos do centro) e un de programas abertos no ensino (da man de María José Rodríguez Malmierca, responsábel do Departamento de e-learning e ferramentas colaborativas do CESGA).
Tamén está prevista a participación de Consuelo Castro Váquez (do IES Terra de Trasancos de Narón e falando polo miúdo das posibilidades de Scilab), de Javier Macho Eiras (falando de Geogebra e tecnoloxía, procedente da Escola de Arte Pablo Picasso e da Universidade da Coruña), de Pilar Anta Fernández (do IES de Sabón e máis da UDC, falará de aprendizaxe a distancia e do Moodle), de Salvador Naya Fernández (da UDC, fará un percorrido pola estatística con R), de Mario Rodríguez Riotorto (que nos vai achegar un relatorio-obradoiro sobre Maxima, sistema aberto de cálculo simbólico) e de Francisco Botana, da Universidade de Vigo, que falará de Sage.
O Congreso ten un prezo de 10 euros, pero está limitado a 75 persoas (pola limitación dos ordenadores dispoñíbeis). Terá preferencia o profesorado e o segundo criterio será por orde de inscrición na web de Igaciencia. Os contidos a tratar serán variados, aínda co denominador común do software libre e a súa vertente máis educadora-formativa: novas tecnoloxías aplicadas ao ensino, estratexias de aprendizaxe co Encerado dixital Interactivo, deseño de presentacións multimedia (Impress e Prezi), OpenOffice, Linux, PHP, Moodle, software libre nos contextos educativos, traballo colaborativo nun centro TIC, redes sociais ao servizo da aprendizaxe, atención á diversidade, dinamización de acción titorial a través das TIC, deseño web, mapas conceptuais, educación de índole multicultural, ensinanza bilingüe, avaliación no ensino e recursos tecnolóxicos, etc.

PUBLICIDADE