Intelligent People: rede social de contactos só para cerebriños

mércores, 30 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Á hora de procurar e atopar parella, de xeito presencial e a distancia, fálase moito de certas cualidades físicas e de personalidade, pero non moito da intelixencia. Polo menos, non semella figurar no ranking de cualidades estrela en servizos populares de encontro en liña. Co fin de inverter un pouco esta orde de requirimentos vén de presentarse en Canadá e Estados Unidos un servizo web xurdido en Dinamarca que, amais de servir para arrexuntar persoas, constitúe un reto para os cerebros de todo o mundo: só poderemos empregalo se temos un Cociente Intelectual (CI) de máis de 115. Significa isto que se non cumprimos con ese gran requisito ficaremos fóra de liña? Pois basicamente si.
A idea de Intelligent People, que semella ben discriminatoria (se cadra máis có feito de esixir que os candidatos teñan certa presenza, porque a imaxe que os demais teñen de nós soe variar con cada par de ollos, pero a intelixencia non se move do dito índice fixado), é favorecer un sitio de intercambio para persoas até o de agora desatendidas polos servizos en liña, e tamén polo amor en si mesmo.
Así o vén de afirmar Trine Jensen, a fundadora do portal, para quen está claro que as persoas intelixentes teñen máis doada a comunicación coas persoas que tamén son intelixentes. A web, que tal e como está proposta identifica intelixencia con termos como tolerancia, paciencia ou xenerosidade (cualidades ás que, mágoa, só poderíamos acceder en caso de ter un cociente de máis de 115), inclúe unha proba baseada en procesos de Mensa, que é unha organización internacional encamiñada a dar servizos a persoas cun meirande CI. A nova rede, como é de supoñer, non se caracteriza por ser especialmente concorrida. De feito, conta cuns 700 membros a día de hoxe.

PUBLICIDADE