Makers.lugo e Bricolabs celebran en Lugo nunha xornada aberta os dez anos de Arduino

martes, 25 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

Arduino, plataforma de hardware e software libre baseada nun placa que facilita desenvolvementos múltiples de electrónica e intelixencia artificial, conmemora estes días os seus dez anos de vida e na nosa terra hai xa unha chea de xente que non quere deixar pasar a oportunidade de salientar o incríbel valor deste recurso á hora de democratizar a robótica e o desenvolvemento de todo tipo de máquinas. Sen ir máis lonxe, Lugo acolle este sábado 29, de 10.30 a 13.30 horas, un evento de celebración da plataforma. A cita vén da man da asociación makers.lugo e Bricolabs. A xuntanza forma parte dun amplo programa de actividades internacionais para festexar o devandito aniversario, a desenvolver baixo a seguinte etiqueta: Arduino Day 2014 #ArduinoD14.
O evento galego, aberto e para tódolos públicos, terá lugar na Casa da Xuventude (rúa Xesús Bal e Gay), a mañá do sábado 29 de Marzo, de 10:30 a 13:30. Ao longo desta xeira de divulgación, membros das asociacións makers.lugo e Bricolabs, estarán dispoñíbeis para resolver dúbidas para quen desexe introducirse no mundo de Arduino, axudar a aqueles que devezan por empezar a facer proxectos. Tamén haberá un espazo onde tódolos participantes poderán amosar os seus proxectos realizados coa devandita plataforma libre. Entre os expertos confirmados no programa de actividades atopamos a Andrés Maneiro, Manu Díaz, Tucho Méndez, Adrián P. Blunier, José M Carballal, Xoan Sampaiño, Jesús Toural, Jesús Friol Rodríguez, Pablo Fernández Quintás e Roberto Vieito Raña.

PUBLICIDADE