O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), impulsado pola Universidade da Coruña, nomeou a Manuel Francisco González Penedo novo coordinador do centro, posto que ate a presente data ocupaba Sebastián Bamonde Rodríguez.
O novo coordinador do CITIC é doutor en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela, ademais de exercer como profesor titular da Facultade de Informática da Universidade da Coruña é membro de comités internacionais e forma parte de comités de avaliación de proxectos de investigación de axencias nacionais e autonómicas.
Ademais, é investigador principal do Grupo de Investigación VARPA (Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns) do CITIC. A súa relación co Centro procede de tempo atrás, xa que ate o momento González Penedo era responsable da Área Tecnolóxica de Procesado de Imaxes Dixitais, que centra o seu traballo no desenvolvemento de aplicacións baseadas en técnicas de visión.
A ampla experiencia e traxectoria profesional de González Penedo, tanto no ámbito da investigación coma no da transferencia, supón para o CITIC un valor engadido, xa que a relación co tecido empresarial é un elemento fundamental para favorecer a innovación e a transferencia de coñecementos, misión principal do CITIC na súa estratexia de incorporación de proxectos no ámbito das TIC beneficiosas para a sociedade.
Manuel González Penedo será o novo coordinador do CITIC
Compartir Este Artigo

