Membros do CITIC acudirán ao ICT Info Day

venres, 16 de outubro do 2015 Redacción

O coordinador e a vicecoordinadora e responsábel científica do CITIC, Manuel Penedo e Bertha Guijarro, xunto con Marta Núñez, responsábel de proxectos I+D europeos, acudirán os días vindeiros ao ICT Info Day, en palabras da dirección do centro tecnolóxico coruñés “o meirande evento TIC I+D da contorna europea”. A cita é o vindeiro 20 de outubro.
Serán, sinala o CITIC, tres días de conferencias nos que se celebrarán sesións plenarias, informativas e temáticas achegando información sobre as políticas e iniciativas da Comisión en relación á investigación e a innovación no eido tecnolóxico-dixital.
Segundo engade o centro tecnolóxico, os principais eixos temáticos citados no epígrafe do evento (Innova, Conecta e Transforma) poranse de manifesto nunha exhibición destinada a mostrar os mellores resultados, tests e prototipos de proxectos de diversa índole, produtos avanzados de compañías individuais; traballos e representacións artísticas relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía; ademais de casos concretos de cooperación internacional. Os representantes do CITIC no ICT Info Day de Lisboa terán a oportunidade de traballar directamente cun bo número de investigadores europeos e, deste xeito, sentar os alicerces de vindeiras colaboracións e sinerxías de valor.

PUBLICIDADE