Movistar Fusión chega ao millón de altas

xoves, 20 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Luis Miguel Gilpérez, presidente de Telefónica España, durante a presentación de Movistar Fusión

O 1 de outubro botou a andar Movistar Fusión, a oferta combinada de servizos de Movistar para o mercado español, que grazas a ofrecer importantes descontos conseguiu rexistrar 1 millón de altas superando as expectativas da compañía presidida por Luis Miguel Gilpérez ao converterse no produto de máis rápida implantación da compañía nun número tan elevado de clientes.
Dende Movistar aseguran que a súa é a oferta máis competitiva do mercado pola súa relación de prezo/prestacións, e a máis completa ao incluír a posibilidade de dispor de opcións con fibra óptica, televisión, liñas móbiles adicionais para todos os membros do fogar e facilitar o acceso a unha ampla gama de terminais, aínda que iso non sexa totalmente exacto, pois a cobertura dos servizos de fibra óptica ata o fogar de Movistar é moi limitada e outras compañías reaccionaron con oferta equivalentes (a propia mellora de velocidade de R pon en dúbida as afirmacións de Movistar).
Con Movistar Fusión a compañía está a acadar un grande resultado no que a satisfacción dos clientes se refire, sendo a oferta máis popular (e a de maior dispoñibilidade xeográfica) a que por 49,9 euros/mes + IVE achega ADSL de 10 Mbps, liña fixa (con chamadas) e móbil con 500 minutos en chamadas e 1 Gbps de datos.
Aínda que dende Telefónica estean a comentar o millón de contratacións de Movistar Fusión como un éxito, o feito de que os aforros na factura mensual dos seus clientes poidan chegar ao 44% supón un recorte moi importante das marxes de beneficios que, sen ben axuda á compañía a paliar a fuxida masiva de clientes dos últimos meses (especialmente despois de que deixase de subvencionar móbiles), indica un cambio importante no sector para axustarse á conxuntura económica e ao nivel de competencia.

PUBLICIDADE