Na medianoite do martes ábrese a inscrición á vindeira edición de Xuventude Galicia Net

luns, 24 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Entre os días 18 e 20 de setembro celebrarase na Feira Internacional de Galicia ABANCA en Silleda unha LAN Party que pretende xuntar a 1.200 persoas para intercambiar experiencias e competir durante 3 días a títulos como League of Legends, FIFA 15, Counter-Strike: Global Offensive, HearthStone... Teremos así a recuperación de Xuventude Galicia Net, encontro que conseguiu converterse en todo un referente galego, e que agora quere rexurdir con forza, para o que combinará o tradicional encontro en rede cunha zona de exposición e unha extranet, de xeito que poderase gozar de xogos de mesa, consolas de videoxogos e numerosas actividades das que darán conta nos vindeiros días.
Aínda que estaba previsto que a inscrición ao evento tivese comezado a pasada noite, finalmente fíxase a apertura de inscricións para a medianoite do vindeiro martes, momento no que é de agardar unha avalancha de usuarios procurando garantir unha praza para acudir a este encontro no que terán dereito a acampada no interior do recinto, o que resulta especialmente atractivo tendo en conta que a xuntanza non se celebra en ningunha cidade galega onde podería ser máis doado trasladarse a durmir a algún domicilio próximo.

PUBLICIDADE