O 4G da galega Ocean’s, a partir de setembro

luns, 29 de xuño do 2015 Redacción

A operadora galega Ocean’s vén de anunciar a dispoñibilidade de tecnoloxía 4G nas solucións de seu para o vindeiro mes de setembro. Co fornecemento desta rede, sinala a compañía, conseguirase dar “un salto cualitativo” nos servizos de Ocean’s asociados aos produtos de telefonía móbil. E máis tendo que a cuarta xeración en redes de telefonía móbil, engade a a firma galega, “permite ofertas maiores velocidades de baixada e subida, co que o acceso a novos contidos será unha realidade aplicábel aos produtos do noso catálogo”. A tecnoloxía 4G estará dispoñíbel tanto para clientes particulares como para empresas.
Ademais, estará asociada (sen custo adicional) a produtos de telefonía móbil (tarifas Terra e Xpyme) e a produtos de converxencia de fixo, móbil e internet (Ocean’s Máis e Ocean’s Engloba).
Segundo engade a operadora, un dos puntos onde máis se van ver beneficiados os clientes será na experiencia en navegación: haberá moita máis velocidade no acceso aos contidos multimedia, a marxe de uso de xogos en liña será moito máis completa e o intercambio de arquivos da rede moito máis fluído e instantáneo. Asemade, permítese coa nova tecnoloxía un uso óptimo das plataformas orientadas ao eido dos negocios, amais de achegarse a posibilidade de empregar ferramentas de voz IP con latencia mínima (máxima sincronización).
A empresa tamén informou que incorporará ao seu catálogo novos terminais preparados para tirar partido da dita tecnoloxía, “de maneira que os clientes disporán de varias posibilidades para facer uso das súas tarifas con 4G”.

PUBLICIDADE