O CITIC achega novamente o seu apoio ao evento GaliciaTIC

xoves, 25 de setembro do 2014 Redacción

Exterior do edificio CINC na Cidade da Cultura, sede de GaliciaTIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, CITIC, estará presente o vindeiro 14 de outubro en GaliciaTIC 2014, a xuízo dos coordinadores do centro avanzado coruñés “un expoñente do avance do sector tecnolóxico-dixital e plataforma de debate sobre as mellores solucións ofrecidas para a competitividade das empresas galegas e o servizo do sector público”. O encontro GaliciaTIC terá lugar no Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O CITIC, que xa amosou o seu apoio ao evento noutras ocasións, participará desta volta na Mesa Temática 3, coordinada por Philips e baixo o título Connected Ligthing. A mesa versará sobre sistemas innovadores de comunicación.
En representación do CITIC asistirá Luís Castedo Ribas, responsábel da Área Tecnolóxica de Comunicacións Sen Fíos do CITIC. As súas liñas de traballo céntranse no procesado de sinal para comunicacións sen fíos e no prototipado de equipos terminais de comunicacións.
Estarán canda el Santiago Julián, director de Desenvolvemento de Iluminación Urbana para España e Portugal en Philips Ibérica, Pablo Vázquez, responsábel de Innovación e Sistemas de Información no Concello da Coruña e Paula Uría, xefa de Área de Xestión e Coordinación coas Administracións Públicas en IDEGA, Xunta de Galicia.
Segundo informan fontes do CITIC, “esta edición trae consigo importantes novidades ao redor da transformación dixital das organizacións e arredor das tecnoloxías máis innovadoras que desenvolven as empresas galegas.” A maiores e como vén sendo costume, amosaranse en detalle as últimas tendencias tecnolóxicas, expostas da man dun feixe de empresas referentes TIC a nivel mundial. As súas achegas, engade o CITIC, permitirán perfilar novas estratexias que se transformen en vantaxes competitivas globais para as firmas do sector de Galicia.

PUBLICIDADE