O CITIC acolle este xoves unha xornada de networking con expertos xermanos en innovación

martes, 20 de setembro do 2016 Redacción

O Centro de Investigación TIC da Coruña (CITIC) vai acoller este xoves 22 un encontro para tender pontes de colaboración co tecido innovador xermano. A xuntanza, que tamén servirá para coñecer a realidade do país en materia de transferencia tecnolóxica e renovación empresarial, vén da man do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) en colaboración co Posgrao en Xestión Empresarial da Innovación e a Cátedra Jean Monnet da Universidade da Coruña. O encontro desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Innovación e creación de riqueza empresarial: experiencia alemá e posibilidades de cooperación, V Taller de Mercadotecnia Expertise: Innovación aberta e comercialización da innovación. A cita insírese no marco dos obxectivos de internacionalización da Enterprise Europe Network (EEN).
Trátase, máis polo miúdo, dun obradoiro sobre innovación e sobre métodos para impulsar a produtividade e a competitividade. Terá como referencia a experiencia alemá de apoio a empresarios e PEME innovadoras, así como “as posibilidades de colaboración e co-investimento con empresas alemás”. O obxectivo que se persegue con esta xornada é “fomentar o networking con expertos e pequenas e medianas empresas innovadoras en Alemaña”.
O encontro contará nos seus paneis coa intervención de dous expertos invitados, quen exporán en primeira persoa a súa visión respecto diso. Por unha banda, Joaquín Soucheiron, experto en investimento e nas metodoloxías para tender pontes de colaboración entre investidores e empresarios. Soucheiron é consultor acreditado da Axencia Bwcon (Waden-Bürtemberg Connected) e conta cunha ampla experiencia como fundador e conselleiro de novas firmas tecnolóxicas.
Por outra banda, tamén intervirá nos paneis de discusión Jürgen Janovsky, profesor da Universidade de Pforzheim e responsable de desenvolvemento e xestión de proxectos de colaboración con empresas privadas e autoridades públicas. Janovsky é experto en xestión da innovación, transferencia de tecnoloxía e desenvolvemento de PEME e ten ás súas costas anos de experiencia empresarial, ademais de ser consultor de organismos internacionais e da UE.
Programa do encontro
· Mércores 21 de setembro, a partir das 09:45h
Lugar: Santiago, IGAPE en Santiago (Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n. 15703)
11.30h Panel de discusión posibilidades de colaboración e co-investimento con expertos e empresas alemás. Remate ás 13.30h.
· Xoves 22 de setembro, a partir das 11.00h
Lugar: A Coruña, CITIC Centro de Investigación TIC (Rúa O Canedo, 1. Campus de Elviña)
12.15h Panel de discusión posibilidades de colaboración e co-investimento con expertos e empresas alemás. Finalización ás 14.15h
· Xoves 22 de setembro, a partir das 18.15h
Lugar: A Coruña, Facultade de Economía e Empresa (Campus de Elviña, s/n, 15071 A Coruña)
Nesta sesión non haberá panel de discusión. Finalización ás 19.30h.

PUBLICIDADE