O CITIC contribuirá en Valencia a dar forma aos portos do futuro

venres, 8 de abril do 2016 Redacción

Os vindeiros días 22 e 23 de abril, o Centro de Investigación TIC (CITIC) participará no encontro ICT Innovations in Shipping and Smart Port Management in the Mediterranean Area, que terá lugar na Autoridade Portuaria de Valencia e que ten por obxectivo promover a colaboración en I+D arredor dos ámbitos do tráfico marítimo e a xestión e infraestruturas dos portos. Búscase, polo tanto, xerar proxectos de transferencia de coñecemento e cooperación entre diferentes frontes ao abeiro das convocatorias europeas do marco de Horizonte 2020.
As xornadas insírese nas actividades do grupo de asociacións de enxeñeiros de telecomunicacións e TIC do FITCE (Forum For European ICT & Media Professionals) de España, Grecia e Italia. O CITIC participará activamente en tres mesas redondas, incluído un debate sobre O porto do futuro, que conducirá Jesús M. Díaz, responsábel de Transferencia Tecnolóxica e Innovación do CITIC, acompañada pola coordinadora de Proxectos de I+D+i, Marta Núñez Corbalán.
En detalle, o obxectivo das xornadas é facer fronte común entre entidades de investigación e empresariais dos devanditos países, por exemplo autoridades portuarias, centros de I+D, universidades, empresas do ámbito TIC e profesionais, todos eles unidos baixo a arela de compartir proxectos e iniciativas para acadar sociedades, consorcios e proxectos tecnolóxicos na conca mediterránea. Segundo explican dende a organización, o porto de Valencia é hoxe por hoxe un dos máis importantes da devandita beira litoral, e polo tanto “preséntase como o emprazamento máis axeitado para debater e falar sobre tráfico marítimo”, facendo fincapé na xestión intelixente (smart) de recursos.

PUBLICIDADE