
O CITIC, no seu compromiso “coa transferencia tecnolóxica”, participa por segundo ano consecutivo na organización e desenvolvemento da xornada, encabezada polo Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) xunto a outras entidades como o Centro Superior de Estudos da Defensa Nacional (CESEDEN), o Instituto Matemático Interdisciplinar da Universidade Complutense de Madrid (UCM) ou a Universidade da Coruña (UDC).
Durante a xornada, sinala o centro coruñés, sucederanse diversos relatorios de gran interese, entre os que cómpre salientar o de Bertha Guijarro Berdiñas, vicecoordinadora responsable científico do CITIC, que falará sobre a experiencia do centro en proxectos de transferencia de coñecemento e valorización de tecnoloxías. Tamén participará nunha mesa redonda na que se debaterá sobre a tecnoloxía matemática e computacional como ferramenta de innovación no ámbito da seguridade e a defensa.
As xornadas darán comezo o luns 15 coa apertura oficial de actividades a cargo do vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Ricardo Cao. Tamén intervirá o delegado de Defensa na Coruña, José Abad Vilas, e o catedrático de Matemática Aplicada e investigador do CITIC, Carlos Vázquez, membro do comité organizador. A continuación, falará a profesora e investigadora Peregrina Quintela, directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, ITMATI.
O CITIC implícase nunhas xornadas que avaliarán o potencial do numérico na protección da cidadanía
Compartir Este Artigo
