O CITIC participa con sete proxectos na xornada de transferencia que organizan hoxe Repsol e a UDC

venres, 24 de outubro do 2014 Redacción

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), impulsado pola Universidade da Coruña, participa no Workshop da Aula Repsol que se desenvolve este venres 24 no Campus de Ferrol, unha iniciativa que se dirixe a fomentar a máxima visibilidade para as tecnoloxías e os achados das nosas tres universidades e dos seus centros tecnolóxicos. Ou sexa, que se encamiña a poñer estas tecnoloxías e achados o máis preto posíbel das empresas (para que lles tiren o máximo proveito) e da cidadanía galega en xeral. Falamos de transferencia tecnolóxica, que é razón de ser do Workshop.
Lembrar que a Aula Repsol foi creada pola Fundación Repsol e a Universidade da Coruña este mesmo ano, co fin de “promover a cooperación e colaboración para o desenvolvemento cultural, científico e tecnolóxico, e para unha aplicación práctica dos coñecementos en beneficio da sociedade”.
O CITIC, ademais de apoiar a Repsol na organización do encontro, participa coa presentación de 7 dos seus proxectos, no conxunto dos 40 totais que se presentarán, pertencentes aos ámbitos da eficiencia enerxética, tecnoloxías da información (TIC), matemática e estatística industrial, e materiais.
Estes son os sete proxectos en cuestión:
· LocYu: abrangue por unha banda LocYu Rutas, sistema que permite aos usuarios moverse con facilidade no interior dos edificios e, pola outra, LocYu Infraestruturas, orientado á detección de persoas e obxectos no interior de edificios.
· SmartSocket: trátase dun enchufe intelixente, controlábel a distancia, orientado á prevención de sobre-consumos e curtocircuítos. Controla e segue a tempo completo o consumo dos aparellos eléctricos conectados a el, e pódense xestionar de xeito remoto os seus parámetros, así como o propio dispositivo, a través dun móbil, tableta ou PC.
· DIASI: un sistema que utiliza técnicas baseadas en intelixencia artificial para a análise automática dos datos proporcionados por un sistema de monitorización, en tempo real, instalado nos sistemas críticos de calquera instalación industrial.
· MODES: investigación, promoción e divulgación dos métodos estatísticos e da investigación operativa co obxectivo de dar servizo ao tecido socioeconómico mediante a aplicación destas técnicas na resolución de problemas industriais, ambientais, sanitarios, etc.
· TOVIAS: céntrase no deseño, integración e aplicación dunha ferramenta multiplataforma para a visualización de nubes de puntos que permita a xestión e manipulación de grandes volumes de datos mediante un escáner LIDAR ou alternativas como KINECT.
· VADEMA: sistema de visión artificial para a medición de deformacións en materiais sólidos como o formigón, que presentan un certo comportamento elástico, deformándose cando se someten a unha carga.
· BEHOLDER: aplica as técnicas de visión artificial para o estudo do comportamento de obxectos e persoas a través da análise dinámica de trazados. O sistema é quen de adaptarse de maneira dinámica a cambios na escena que provoquen transformacións nos comportamentos habituais
Volvendo á xornada deste venres, dicir que consta de dous partes. Por unha banda, e aproveitando a estancia de máis de 70 investigadores galegos, o Campus recibe pola mañá a visita de 450 alumnos de secundaria e bacharelato, que poderán coñecer da man dos propios investigadores as últimas novidades en innovación.
Por outra banda, pola tarde desenvolverase a aproximación entre a investigación desenvolvida polas tres universidades (USC de Santiago, UDC da Coruña e UVigo de Vigo) ao tecido empresarial, tirando o máximo partido da visita de diversos representantes das principais compañías da nosa terra dos sectores de tecnoloxía, a enerxía, o software, a alimentación ou o téxtil. Falamos de empresas como Repsol, Alcoa, Inditex, Estrella Galicia, Grupo Losan, Foresa, Navantia, Facet Ibérica, Fridama, CyE, Proyfe, Neodyn, Indra, Pérez Torres, IBM e Cristalera Pontevedresa, entre outras.
Contarase coa presenza do vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, e o director da Refinaría de Repsol na Coruña, Luis Llamas. Nas sesións, os investigadores explicarán aos empresarios, dunha maneira práctica, os distintos proxectos presentados. A clausura correrá a cargo de José Luís Armesto, reitor da Universidade da Coruña, e o vicepresidente da Fundación Repsol, César Gallo.

PUBLICIDADE