O CITIC protexe aos menores achegando tecnoloxía para detectar predadores sexuais na Rede
venres, 10 de xaneiro do 2014
O noso
xeito de relacionarnos e formarnos non cabe dúbida de que mudou
dende o afianzamento nas nosas vidas da cultura de Internet e a
interactividade. Isto tivo as súas vertentes positivas evidentes,
pero tamén deu marxe para a introdución de malos hábitos, a fin de
contas tanto as tecnoloxías como outros tantos recursos poden
funcionar mellor ou peor dependendo do uso que lles deamos: nós
somos os que temos a última palabra. No lado máis negativo, os
devanditos cambios permitiron a entrada no escenario en liña dos
predadores sexuais. Para combatelos, a Área de Busca e Recuperación
da Información do CITIC
está a traballar na actualidade nun proxecto de investigación que
identifica estes perfís en chats e sistemas de mensaxería que cada
vez son máis habituais: adultos que se fan pasar por nenos para
poñerse en contacto con menores, polo que a súa rápida
identificación resulta fundamental para paliar este problema.
En
definitiva, informa o CITIC, “trátase de detectar as persoas que
enganan xa que os predadores recorren a esta táctica para entaboar
relación cos menores”. Como explica Álvaro Barreiro, investigador
responsábel deste traballo, “para poder descubrir a estes
predadores, baseamos o noso algoritmo nos datos recompilados pola
iniciativa académica CLEF e obtidos da organización
Perverted_Justice, asociación dedicada a denunciar adultos que
tratan de contactar a menores para realizar encontros de tipo sexual.
Baseándonos nos datos obtidos das conversas que mantiveron
pseudovítimas con estes suxeitos, podemos detectar a aquelas persoas
que acceden aos chats ou redes sociais buscando este tipo de
encontros”.
Xunto
a Álvaro Barreiro, neste proxecto participan os investigadores
Javier Parapar do CITIC e David Losada, do grupo de investigación
GSI-USC, que se presentaron con este traballo de identificación á
competición internacional CLEF PAN, obtendo moi bos resultados xa
que quedaron terceiros.
Novidoso
e completo sistema de detección
Este
traballo arredor da identificación de predadores sexuais é moi
novidoso respecto a outras solucións existentes no mercado, engaden
os investigadores do CITIC, xa que enriquece a representación dos
suxeitos mediante a asignación dunhas determinadas propiedades que
complementan o filtrado de palabras clave, habituais nos sistemas de
detección. As novidades son:
-
Propiedades
psicolingüísticas: mediante o uso de determinadas palabras poden
obterse pistas sobre os estados emocionais e cognitivos dos
individuos, o que facilita a detección do engano.
-
Propiedades
textuais: estatísticas do uso de palabras e grupos de palabras.
-
Propiedades
conversacionais: diferentes características relacionadas coa
actividade dos suxeitos no chat, como a duración, frecuencia ou
patróns temporais.
Segundo
explican os investigadores do centro de I+D coruñés, un dos
aspectos máis positivos desde traballo radica en que completa os
filtros habituais de palabras que soen empregarse, aquelas que
inclúen contido obsceno pero deixan fóra comportamentos ou
actuacións. “Os chats e redes sociais nos que participan
menores constitúen novas oportunidades que atopan estes predadores
para localizar vítimas. Se o moderador dun destes chats pode
autoriza-lo uso deste software, o entorno no que se desenvolverían
as conversacións sería moito máis seguro. Incluso se podería
implantar en ordenadores domésticos para complementar o control
parenteral”, apunta Álvaro Barreiro.
Moitas
veces só se ven os aspectos positivos que xera Internet e as novas
tecnoloxías, pero ás veces esquécense os novos riscos que
implican. Dende o CITIC trabállase por unha Internet segura, sen
riscos na navegación para os máis pequenos e pola consecución dun
entorno protexido que favoreza o benestar e a tranquilidade.
Axudas do programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas: Agrupación Estratéxica CITIC (CN2012/211). Cofinanciado por: