O CITIC recibiu a visita dos representantes da Axencia Galega de Innovación e a UDC

martes, 17 de marzo do 2015 Redacción

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación, CITIC, recibiu nas súas instalacións do Campus da Coruña a visita de membros da Axencia Galega de Innovación (GAIN), así como de diversos representantes da Universidade. Por parte desta institución, a xuntanza na sede do centro tecnolóxico foi oficiada por Ricardo Cao, vicerreitor de Investigación e Transferencia, acompañado de Jerónimo Puertas, adxunto a Transferencia. Pola banda da Axencia Galega de Innovación, contouse coa presenza do seu director, Manuel Varela, quen estivo asistido por Sonia Pazos, directora da Área de Centros. Por parte do CITIC, exerceron de anfitrións Manuel F. González Penedo, coordinador do centro, e Bertha Guijarro, vicecoordinadora do CITIC.
A visita deste luns, segundo informa o centro tecnolóxico, insírese dentro da “fluída relación en materia de I+D” que se mantén dende o CITIC coa axencia galega, “dada a súa condición de Centro de Investigación Singular cunha sólida actividade na comunidade”. Durante a xuntanza, avaliouse en detalle a concorrencia do CITIC en diferentes convocatorias lanzadas dende a axencia, como por exemplo Innterconecta, achegada xunto co CDTI, ou Conecta PEME. Na cita tamén se afondou no desenvolvemento de programas de transferencia e colaboración en curso, como o das Unidades Mixtas de Investigación 2015, dirixidas como fixemos saber recentemente a centros tecnolóxicos e empresas da nosa terra (co fin de xuntar forzas entre uns e outras, favorecer a cooperación, crear emprego cualificado, e converternos en centros de coñecemento avanzado) e cuxa convocatoria atópase aberta até este 23 de marzo.
Por outra banda, a través da presenza directa da axencia no CITIC, aquela tivo unha oportunidade inmellorábel para coñecer, de primeira man, o labor do centro en materia de transferencia tecnolóxica, ou sexa para dar conta de todo aquilo que une ao centro co tecido produtivo da súa contorna e de máis alá.
Ademais, aos responsábeis de GAIN entregóuselles un Dossier de Capacidades do CITIC e unha serie de partes informativos sobre os proxectos nos que o centro tivo especial protagonismo, implicándose directa e estreitamente co sector empresarial. A visita completouse cunha achega de pezas audiovisuais que fixeron visíbeis, perante os membros da Axencia Galega de Innovación e a Universidade, a natureza e os obxectivos dos devanditos proxectos.

PUBLICIDADE