O CITIC salienta os resultados positivos acadados polo algoritmo de FilmYou

mércores, 11 de marzo do 2015 Redacción

O CITIC está estes días a achegar detalles sobre FilmYou, plataforma distribuída de recomendación de películas da que xa falamos en Código Cero con motivo da sesión de portas abertas organizada polo centro tecnolóxico coruñés, na que salientou que se trata dunha iniciativa Big Data que tira partido da colección de filmes Netflix (con 100 millóns de valoracións de 480.000 usuarios sobre 18.000 películas) con interesantes posibilidades de uso en diversas plataformas audiovisuais. FilmYou, que xurdiu dende a Área de Busca e Recuperación de Información do CITIC, ten un motor de recomendación baseado nun sofisticado algoritmo de filtrado colaborativo, capaz de xerar consellos personalizados grazas a un sistema que cataloga esas mesmas recomendacións ou votos.
Segundo informa o centro galego, os resultados de eficacia do algoritmo froito da investigación desenvolvida desde o CITIC e a Universidade Autónoma de Madrid foron “moi positivos”. De feito, para facérmonos unha idea, o algoritmo comezou a súa andaina (mesmo antes de ser integrado a escala Big Data na plataforma FilmYou) cunha taxa de eficacia de máis do 200%.
A plataforma, engaden fontes do centro, inclúe funcionalidades de procura e navegación sobre a devandita colección de películas que se manexa. A eficacia e eficiencia da solución están avaliadas sobre a colección liberada de Netflix, formada por 100 millóns de cualificacións de máis de 480.000 usuarios anónimos sobre 18.000 películas. FilmYou explota esa información para xerar recomendacións a todos os usuarios do sistema. O funcionamento do algoritmo, “totalmente parametizábel”, pode ser adaptado a outros dominios, como son a recomendación de música, produtos ou novas de actualidade.
FilmYou baséase no filtrado colaborativo. Así, o devandito algoritmo xunta usuarios de gustos afíns por veciñanzas, ou sexa por comunidades que determinarán a relevancia das películas para cada un deles. Cando un usuario novo dáse de alta en FilmYou, debe valorar un número determinado de películas cun valor entre 1 e 5, para que o algoritmo identifique as súas preferencias e poida incluílo nunha veciñanza afín. A partir de aí, comezará a recibir consellos.

PUBLICIDADE