O CITIC xúntase en Bruxelas coa Dirección Xeral CONNECT da Comisión Europea

venres, 18 de setembro do 2015 Redacción

Este 18 de setembro integrantes do Centro de Investigación TIC da Coruña, o CITIC, celebran unha serie de xuntanzas con representantes da Dirección (Directorate E) Net Futures, dependente da Dirección Xeral da Comisión Europea para Redes de Comunicacións, Contidos e Tecnoloxía (Dirección Xeral CONNECT), cuxa misión é asegurar que as tecnoloxías dixitais contribúan aos obxectivos de crecemento da Unión Europea (UE). Isto, a través de fomentar a innovación, a creatividade, a cultura, a excelencia e competitividade en materia de investigación, “así como unha experiencia dixital fiable, accesible e positiva para todos os cidadáns europeos”, sinala o CITIC, cuxa visita a Bruxelas insírese na súa estratexia de apoio á participación en programas abeirados á UE.
O profesor Javier Pereira, responsable de Área Tecnolóxica e eSaúde do centro, e Marta Núñez, responsable de Proxectos I+D Europeos, ademais de coñecer en profundidade o funcionamento da DG, compartirán ao longo da xornada deste 18 de setembro as diferentes iniciativas que o CITIC vén desenvolvendo en materia de atención médica a través das TIC a través dos seus grupos de investigación especializados, así como as áreas de traballo previstas para os vindeiros anos, en liña co seu Plan Estratéxico 2020. Nesta axenda, lembran fontes do CITIC, a europeización do centro e o seu afianzamento internacional preséntase como un dos obxectivos “máis troncais”.
Coñecer en profundidade os plans e proxectos no ámbito da innovación tecnolóxica para aliñar intereses e establecer alianzas, é outro dos obxectivos destes encontros claves para o CITIC.