O CLAG e o CITIC organizan o 27 de maio unha xornada sobre transferencia de tecnoloxía para o audiovisual

martes, 20 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

Hai tecnoloxía galega, e moita, como para reforzar dende tódalas frontes o noso audiovisual, e non só iso, senón tamén para levalo cara a planos realmente innovadores en materia de linguaxes, creatividade, distribución, mercadotecnia e presentación ante o mundo. Para abrir xanelas e portas en materia de colaboración entre empresas do audiovisual e empresas TIC (por nunha banda) e centros tecnolóxicos e de I+D (pola outra), o CLAG celebra o vindeiro 27 de maio a xornada Transferencia de tecnoloxía no sector audiovisual. Celebrarase en colaboración co CITIC (na imaxe) no Campus de Elviña.
Segundo informan máis en detalle, no encontro “tratarase de facilitar a comunicación e o encontro entre empresas do sector audiovisual e o centro de investigación CITIC como potencial socio tecnolóxico no ámbito de tecnoloxías TIC”. O prazo de inscrición desta xornada remata o día 23 de maio, e realizarase por rigorosa orde de chegada das solicitudes ata completar o aforo da sala. Para inscribirse é preciso remitir o formulario cuberto a comunicación@clag.es.
Respecto das actividades a desenvolver, darán comezo ás 10.44 cunha sesión oficial de apertura a cargo de Andrés Barbé, presidente do Clúster Audiovisual de Galicia (CLAG), e Sebastián Bamonde, coordinador do CITIC. Arredor das 11.00 horas será a quenda de Jesús Díaz López, responsábel da Oficina de Transferencia CITIC, que presentará as liñas de investigación do centro tecnolóxico coruñés, amais de amosar oferta tecnolóxica que este acubilla para pór ao servizo do noso sector audiovisual.
Sobre as 11.10 horas intervirán en mesa redonda varios investigadores do CITIC: Laura Castro (Grupo MADS), Amparo Alonso (Grupo LIDIA) e Manuel González Penedo (Grupo VARPA). Ás 12 horas, falarán Miguel Barreiro, de Syntheractive, e Rosa Méndez, do Clúster TIC de Galicia, que amosarán os resultados dun caso de colaboración concreto CITIC-CLAG. A maiores, ás 12.30 horas tomarán a palabra Esther Media (directora de Innovación e Novas Canles da CRTVG) e máis Castor Alonso (director de SPICA). Os seus relatorios xirarán arredor das principais demandas de I+D do sector audiovisual galego.

PUBLICIDADE