O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), máis polo miúdo a súa xunta de goberno, vén de anunciar que o Premio Traxectoria Profesional 2015 irá parar ás mans de Benigno Rosón Calvo (Lugo, 1972), subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información na Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. O porqué do galardón, que será entregado o vindeiro 26 de xuño ao longo da Noite da Enxeñaría en Informática, ten a súa raizame no “decisivo papel dentro do deseño do futuro modelo de sanidade pública galega”, pois Benigno Rosón dende o seu departamento foi responsable de proxectos de gran repercusión tecnolóxica e asistencial, como a informatización da historia clínica en toda a comunidade galega, a introdución da receita electrónica ou os proxectos europeos H2050 e Innova Saúde.
Achegándonos á figura de Rosón, cómpre salientar que o premiado é licenciado en Informática pola Universidade da Coruña (1990-1995). No ano 2009 obtén o diploma de directivo da Xunta de Galicia no Programa de Dirección Innovadora e en 2010 o Título de Máster en Dirección de Sistemas e Comunicacións polo Instituto Nacional de Administración Pública e a Universidade Politécnica de Madrid.
A súa carreira profesional bota a andar hai 20 anos traballando nas empresas do sector TIC, realizando funcións de consultaría e desenvolvemento informático. No ano 1999 ingresou no corpo de Técnicos Superiores de Sistemas e Tecnoloxías da Información do Servizo Galego de Saúde. Dende 2009 é subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información na Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
O CPEIG entregará o Premio Traxectoria Profesional 2015 a Benigno Rosón
Compartir Este Artigo

